RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA pon unha pica en Lezama para asaltar o liderado (0-2)

O Dépor ABANCA conseguiu o seu segundo triunfo a domicilio da temporada, noutros tantos partidos disputados lonxe de Abegondo, manexando os tempos dun partido que supón un novo paso adiante de madurez para un equipo recentemente ascendido.

Para afrontar este segundo choque como visitante da temporada, Manu Sánchez apostou pola continuidade, realizando tan só un cambio con respecto á aliñación fronte ao UDG Tenerife: Michelle Romero ocupou a posición da lesionada Athenea del Castillo.

O Deportivo saíu a xogar con valentía, xogando coas liñas adiantadas, disputando a posesión ao conxunto local e estando moi ben co balón, aínda que as primeiras aproximacións a portería contraria foron do Athletic.

Camiño da media hora primeiro Peke e despois Gaby tiveron a oportunidade de adiantar ao Dépor no marcador pero todo quedou en senllos susto para De la Nava. No 37 a colexiada anulou un gol a Yulema Corres por fóra de xogo. O que si subiu ao marcador foi o tanto de María Méndez ao fío do descanso. Á saída dun córner o primeiro remate topouse co traveseiro da portería local pero a ovetense, atenta ao rexeite, non desaproveitou a oportunidade para situar por diante ao equipo no intermedio.

O tanto deu ás ao Dépor ABANCA que trala continuación, e o primeiro cambio local, dispuxo de boas ocasións para ampliar diferenzas, obrigando a actuar á gardameta local após os tiros de socato de Gaby e Teresa. A resposta branquivermella non se fixo esperar e Misa tivo que mostrar a súa amorne no man a man fronte a Lucía García. A mesma xogada en área contraria, con Peke como protagonista, acabou co balón roubado á dianteira branquiazul e posterior disparo alto da xogadora do Dépor.

O Athletic tentouno facendo un triplo cambio para revolucionar o partido. As ocasións sucedéronse en ambas as porterías pero a puntaría de novo estivo máis afinada ao lado visitante. Gaby conseguiu bater con sangue frío na definición por segunda vez o marco biscaíño cun bo disparo cruzado. O Athletic tentouno até o final, estrelando incluso un balón no traveseiro por mediación de Azkona, pero o Deportivo soubo manexar ben o partido e as súas postrimerías para, cos cambios, deixar morrer un encontro que segue lustrando o case perfecto arranque de temporada das de Manu Sánchez, colíderes da categoría xunto ao FC Barcelona.

Athletic Club: De la Nava, Oihane (Ainhoa Moraza, min. 46), Valdezate, Gimbert, Ainhoa (Jone Ibañez, min. 56), Unzué, Damaris, María Díaz (Eunate, min. 56), Oroz, Lucía García e Corres (Azkona, min. 56).

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, María Méndez, Noelia Villegas, Nuria (Miriam, min. 87), Iris, Teresa, Alba (Laura, min. 90+1), Gaby, Michelle Romero (Carlota min. 81) e Peke.

Goles: 0-1 María Méndez (min. 43); 0-2 Gaby (min. 83).

Árbitro: Fernández Ceferino (c. Asturiano). Amoestou ao segundo adestrador local Ángel Vélez (min. 60), Gaby (min. 67), Misa (min. 71) e Damaris (min. 74).

Incidencias: partido da 4ª xornada de Primeira Iberdrola disputado en Lezama coa presenza de afeccionados deportivistas nas bancadas da cidade deportiva do Athletic Club.