RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA ponse o mono de traballo para regresar á senda da vitoria (2-1)

Despois de dúas derrotas consecutivas ante os dous transatlánticos da Primera Iberdrola, o Deportivo ABANCA volveu á senda do triunfo ante o Sevilla FC, que sucumbiu na cidade deportiva branquiazul a pesar de mostrarse como un dos mellores equipos que visitou Abegondo até agora.

Senllos penaltis, transformados por Alba Merino e Zdunek no primeiro cuarto de encontro, levaron ao marcador unha igualdade que desfixo Teresa Abelleira cun disparo marca da casa a pouco de iniciarse a segunda metade.

Comezou con moitas incidencias o partido. O Sevilla FC viuse obrigado a facer un cambio antes de empezar debido á lesión de Isabella no quecemento. O seu lugar ocupouno finalmente Nagore. E nada máis comezar o xogo, a colexiada Arregui Gamir comezou a coxear hostensiblemente e pediu a atención dos servizos médicos. O xogo estivo detido durante máis de 5 minutos.

Pouco despois de reiniciarse no minuto 8, chegou o primeiro gol do partido. Alba Merino converteu un penalti cometido sobre ela mesma, após tentar remachar o rexeite de Sara Serrat a un disparo cruzado de Peke.

Non tardou en empatar o Sevilla FC, despois de senllos avisos, nunha cabezada de Raquel Pinel e nun remate de socato da polaca Emilia Zdunek que Misa rexeitou milagrosamente. A propia Zdunek igualou a contenda desde o punto de penalti, após unha derriba de Miriam sobre a norteamericana Toni Payne, no minuto 22.

A propia Miriam foi substituída tralo gol, debido ao golpe sufrido na acción do penalti. Nuria entrou pola central, pasando Noelia Villegas, hoxe lateral esquerda de inicio, á súa habitual posición no centro da zaga.

Xusto cando se cumpría a media hora, Alba Merino estivo a piques de adiantar de novo ás branquiazuis. O seu lonxano disparo marchouse por moi pouco por riba do traveseiro.

Xa no longo tempo de prolongación, que alcanzou os 7 minutos, o Deportivo gozou dunha nova ocasión. Sara Serrat detivo o remate de Gaby desde a frontal da área despois dunha gran acción individual de Peke polo extremo dereito.

A segunda metade comezou cunha boa oportunidade do equipo andaluz. Misa estivo rápida para saír a pechar todas as portas a Virgy nun claro man a man.

Con todo, pouco despois adiantouse novamente o Deportivo. Teresa Abelleira enganchou desde o bordo da área un disparo alto e axustado ante o que Sara Serrat nada puido facer.

Ao fío de cumprirse a hora de xogo, a gardameta visitante evitou o terceiro gol coruñés. Sara Serrat desviou a saque de esquina unha cabezada de Michelle Romero no segundo pau a centro de Nuria.

As branquiazuis non foron capaces de pechar o partido en varios contragolpes, incluído un culminado por Gaby ao que respondeu in extremis Sara Serrat cos seus pés, pero si se defenderon con acerto das acometidas sevillistas para aguantar a súa vantaxe e sumar unha nova vitoria.

Con estes 3 puntos, o Deportivo ABANCA alcanza os 22 en total despois de 10 partidos, que serven para manter a 3ª posición na táboa da Primera Iberdrola.

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, María Méndez, Miriam (Nuria, min. 23), Noelia Villegas, Teresa Abelleira, Iris, Alba Merino, Gaby, Michelle Romero (Kika, min. 65) e Peke (María Calvo, min. 90+2).

Sevilla FC: Sara Serrat, Sabrina Flores, Maite, Nagore (Aedo, min. 77), Pancha Lara (Ana Franco, min. 62), Zdunek, Cometti, Payne, Virgy (Falknor, min. 67), Olga Carmona e Raquel Pinel (Karpova, min. 62).

Goles: 1-0 Alba Merino, de penalti (min. 11); 1-1 Zdunek, de penalti (min. 22); 2-1 Teresa Abelleira (min. 50).

Árbitra: Arregui Gamir (c. vasco). Cartón amarelo a Miriam (min. 22) e Maite (min. 82).

Incidencias: partido da 11ª xornada da Primera Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante 700 espectadores.