RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA preserva a súa honra e identidade no Johan Cruyff (6-1)

O Deportivo ABANCA perdeu no Estadio Johan Cruyff, campo do indiscutible líder da Primera Iberdrola, un FC Barcelona que está a asinar rexistros de récord, e que aínda que o 6-1 definitivo pareza dicir o contrario non tivo un partido sinxelo ante as pupilas de Manu Sánchez.

A pesar das numerosas baixas, a última protagonizada por unha Athenea del Castillo que amenceu con paperas e non puido nin sentar no banco, o Dépor ABANCA saltou ao terreo de xogo como o fixo hai 3 semanas na Ciudad Deportiva Wanda ante o Atlético de Madrid: sen ningún tipo de complexos e coa idea clara de xogar sempre a pelota.

O potencial do Barcelona queda patente nun dato: en todos os partidos anteriores no Johan Cruyff xa conseguira bater a portería contraria antes do minuto 10.

Misa foi parte importante para evitar que unha vez máis o equipo azulgrana cumprise esa máxima. A gardameta canaria tapou un man a man coa norueguesa Caroline Graham Hansen no minuto 9. Seis despois, luciuse para desviar un tiro desde o bordo da área da francesa Kheira Hamraoui.

As branquiazuis, con extrema paciencia ante a presión alta do equipo azulgrana, atoparon un oco polo extremo esquerdo no minuto 19. A internada de Peke acabou cun disparo lonxano e desviado de Iris.

O dominio azulgrana plasmouno no marcador Caroline Graham Hansen no minuto 24, despois cruzar o balón ante Misa após trazar unha diagonal desde o extremo dereito. A norueguesa estivo a piques de ampliar distancias no minuto 27, nunha falta directa que se foi lambendo o pau esquerdo do portal do Deportivo ABANCA.

Si atopou o Barça de novo o camiño do gol no minuto 32, noutra internada de Graham Hansen pola dereita. Esta vez, a norueguesa puxo un pase por baixo ao segundo pau que empuxou a pracer Jenni Hermoso. As azulgranas ampliaron a súa vantaxe até o 3-0 pouco despois, ao definir Mariona Caldentey no man a man con Misa após recibir un servizo en profundidade de Alexia Putellas. Esta última xogadora estrelou un potente disparo lonxano no traveseiro ao fío do descanso.

A primeira parte pechouse cunha brillante acción de Teresa Abelleira, que se desfixo de dous rivais con senllos túneles consecutivos e buscou en profundidade a internada pola dereita de Patri López. Sandra Paños anticipouse por moi pouco á hoxe debutante en Primera Iberdrola saíndo aos seus pés.

O Barça pechou o partido con 2 goles nos 3 primeiros minutos da segunda parte. Aos 67 segundos de renovarse o xogo, Graham Hansen fixo o 4-0, nunha xogada similar á do 2-0, pero esta vez con ela rematando a servizo de Andrea Falcón. Segundos despois chegou o 5-0, noutra acción parecida, tamén culminada pola dianteira norueguesa.

Aitana Bonmatí anotou o sexto gol do equipo local aos 10 minutos da segunda metade, antes de que empezase o carrusel de cambios en ambos os conxuntos.

A vinte minutos da conclusión, Kika tivo nas súas botas o gol da honra para o Deportivo ABANCA, pero estrelou o seu man a man con Sandra Paños no corpo da porteira barcelonista. Pouco despois, tamén gozou dunha clara ocasión Alba Merino, que non puido precisar o seu remate chegando desde atrás a centro raso de Michelle Romero desde a dereita.

Nos minutos finais, Misa desbaratou dous man a man coa nixeriana Asisat Oshoala. Unha internada de Cris que non puido remachar Michelle Romero, un disparo por alto de Peke que Paños desviou a córner e un lanzamento alto de Kika achegaron ao Dépor ABANCA a estrear o seu marcador no Estadio Johan Cruyff. O gol chegou no minuto 89, após unha combinación entre Michelle Romero e Gaby, con deixada desta para a chegada desde atrás de Teresa Abelleira, que colocou un duro disparo raso axustado ao poste dereito do portal azulgrana.

A centrocampista pontevedresa estivo a piques de facer o segundo tanto branquiazul noutro tiro desde a frontal da área, esta vez por alto, que Sandra Paños puido desviar a córner.

Con esta derrota, a segunda da temporada, o Deportivo ABANCA continúa con 19 puntos na terceira posición da Primera Iberdrola. A pesar dos 10 tantos encaixados nas 2 últimas xornadas ante os grandes favoritos ao título, o conxunto branquiazul mantén a súa diferenza de goles en positivo, con 18 a favor e 16 en contra.

FC Barcelona: Paños, Marta Torrejón (Candela, min. 56), Andrea Pereira, Mapi León, Andrea Falcón, Aitana, Hamraoui, Alexia (Vicky Losada, min. 65), Graham Hansen (Martens, min. 59), Jenni Hermoso (Oshoala, min. 65) e Mariona.

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, Miriam, Noelia Villegas (Érika, min. 80), Nuria (Alba Merino, min. 55), Iris, Teresa Abelleira, Maya Yamamoto (Kika, min. 55), Gaby, Peke e Patri López (Michelle Romero, min 55).

Goles: 1-0 Graham Hansen (min. 24); 2-0 Jenni Hermoso (min. 32); 3-0 Mariona (min. 39); 4-0 Graham Hansen (min. 47); 5-0 Graham Hansen (min. 48); 6-0 Aitana (min. 54); 6-1 Teresa Abelleira (min. 89).

Árbitra: Gallastegui Pérez (c. vasco). Non mostrou cartóns.

Incidencias: partido da 10ª xornada da Primera Iberdrola disputado no Estadio Johan Cruyff ante 2.062 espectadores.