RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA suma un punto máis de madurez (1-1)

O Deportivo ABANCA segue co seu gran arranque de temporada sumando un novo punto ante un rival que no Teresa Herrera fora moi superior e a pasada temporada foi un dos grandes acabou cuarto clasificado no fútbol español.

Para afrontar o choque ante o UD Granadilla Tenerife Manu Sánchez variou a parte traseira do equipo, empezando pola portería, onde fixo debutar a Misa esta temporada en lugar de Sullastres, ademais de situar a Villegas no centro da zaga en lugar de Laura e a Nuria ocupando o lateral esquerdo. De aí en diante, o mesmo equipo que hai unha semana en Sevilla fronte ao Betis

Empezou o partido moi vivo, sobre todo por parte do Dépor ABANCA polo costado esquerdo a través de Athenea. No minuto 6, un pase de Peke á frontal área pequena rematouno alto a xogadora cántabra. Cinco minutos despois, un calco desa xogada supuxo o primeiro gol. A asistencia de Peke converteuna Gaby cun remate sutil que puxo por diante ao equipo.

Cinco minutos durou a vantaxe. Un balón centrado desde o lateral esquerdo ao punto de penalti remachouno Koko anticipándose a Nuria para, de primeiras, bater a Misa.

O Dépor ABANCA continuou controlando o xogo e as ocasións, como o remate de Gaby no 30 estirando a perna, nunha oportunidade ben atallada por Aline. No 35 tentouno de volea Teresa, nun bo disparo que non atopou portería, igual que o de Iris camiño do descanso. Entremedias, Misa salvou un tiro visitante e o seguinte rexeite co pé, aínda que o segundo remate estaba invalidado por fóra de xogo.

Precisamente un fóra de xogo mal sinalado após a continuación evitou o gol de María José, que debería subir ao marcador para pór por diante ás visitantes após o descanso.

Na segunda parte o partido equilibrouse e baixou unha marcha de velocidade subindo algunha máis de intensidade. A ambos os equipos resultoulles máis complicado moverse polo centro do campo e chegar á área rival. O Granadilla Tenerife aumentou o seu tempo de posesión e as oportunidades.

O Dépor tentouno sobre todo a balón parado mercé ás numerosas faltas sufridas en zona de perigo para cortar as acometidas locais. Teresa no 65 disparou de falta directa un balón atallado por Aline, na que foi a mellor ocasión do segundo tempo.

No 87 o punto estivo a uns centímetros de voar de Abegondo cando Cristina Martín Prieto encarou soa a Misa pero non soubo axustar o toque para bater o marco branquiazul.

Até o último instante tentárono ambos os equipos, que non especularon co resultado, buscando os 3 puntos que supuxesen o liderado en solitario para o Dépor ABANCA e a primeira vitoria dun dos equipos importantes da categoría nesta temporada. Finalmente, o empate quedou no electrónico da Cidade Deportiva de Abegondo nun novo paso adiante e punto máis de madurez para o Deportivo ABANCA.

Deportivo ABANCA: Misa, Cris, María Méndez, Villegas, Nuria, Teresa, Iris, Alba Merino, Gaby, Peke (Michelle Romero, min. 81) e Athenea (Kika, min. 68)

UD Granadilla Tenerife: Aline, Estella, Pisco, Jujuba, Gavira, Eva Llamas, Raissa, Koko (Aleksandra Zaremba, min 78), Joyce (Doblado, min. 46), María José e Allegra (Martín Prieto, min. 64)

Árbitro: Gallastegui Pérez (c. Vasco). Amoestou a Raissa (min. 44), Joyce (min. 45) e Jujuba (min. 52).

Goles: 1-0 Gaby (min. 11); 1-1 Koko (min. 16).

Incidencias: partido da 3ª xornada de Primera Iberdrola, disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante 1.157 espectadores.