RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA volve gañar e a crer (3-0)

O Deportivo ABANCA volveu gañar despois de catro xornadas sen facelo, pasando por riba dun rival situado entre a flor e nata da Primera Iberdrola, o Madrid CFF, sexto clasificado.

As branquiazuis encarrilaron o encontro nunha estupenda primeira metade, na que Gaby abriu o marcador e Alba Merino ampliou unha vantaxe que acabou sendo maior grazas ao acerto de Peke mediado o segundo período, cando máis apertaba o conxunto madrileño.

O Dépor ABANCA abriu o marcador no minuto 10. Alba Merino soltou un canonazo desde 25 metros que repeleu o traveseiro despois de que Paola Ulloa rozase a pelota. Gaby, en boca de gol, empuxou o coiro ao fondo das mallas coa súa cabeza.

Até entón, ambos os equipos mostraran as súas intencións exhibindo unha alta intensidade en todas as súas accións.

Ao cuarto de hora, Geyse dispuxo da primeira oportunidade para as visitantes. A dianteira brasileira loitou en solitario por un balón longo, revolveuse na área e á media volta disparou raso e centrado, sen problemas para Sullastres. A mesma xogadora culminou unha longa cabalgada de Joyce Borini cun disparo que se perdeu á dereita da portería coruñesa, no minuto 24.

O Dépor ABANCA buscou saír con velocidade en cada recuperación de pelota para tratar de sorprender ao contragolpe. Esa actitude restoulle posesión pero empezou a dar os seus froitos ao fío da media hora, nun rápido ataque que finalizou Eva Dios cun duro disparo cruzado que rexeitou como puido a porteira visitante.

Segundos despois, unha internada de Athenea pola dereita acabou cun centro á área que quedou solto e recolleu Cris. A lateral dereita rematou duro pero topouse co rexeite dunha defensora madrileña que se lanzou ao chan á desesperada. O balón foise a saque de saque de esquina e o mesmo cabeceouno Ainoa preto do recanto dereito pero moi bombeado. O coiro atrapouno con facilidade a gardameta.

Non pasaron moitos minutos, concretamente catro máis, ata que chegou o segundo tanto. Alba Merino, completamente desmarcada ao bordo da área, controlou un envío diagonal, tenso e preciso a media altura de Gaby desde a dereita e superou con tranquilidade a Paola Ulloa no man a man. A estremeña asinaba así o seu sétimo tanto da temporada, igualando á máxima anotadora do equipo, Peke.

A segunda metade deu inicio cun cambio de panorama, xa que o Madrid CFF adiantou liñas, indo con todo a tratar de meterse no partido canto antes.

Nada máis retomarse o xogo, Geyse puxo a proba a Sullastres cun disparo afastado que a porteira branquiazul atrapou con seguridade. Pouco despois, Stephannie Blanco probou sorte nunha falta practicamente desde mediocampo. O potente lanzamento da costarriqueña buscaba o pau esquerdo da portería visitante. A velocidade coa que chegou o balón ao marco fixo que Paola Ulloa se lanzase para rexeitar de puños cara á súa esquerda.

O partido puido cambiar no minuto 50, cando Geyse bateu a Sullastres, pero a colexiada, a instancias do seu asistente, anulou o gol por fóra de xogo.

A contenda comezou a abrirse perigosamente. No minuto 52, Gaby atopou a Athenea cun balón ás costas de Mônica. A cántabra non precisou a súa volea coa esquerda e mandou o balón ás nubes. No 54, Geyse conduciu un veloz contragolpe e cedeu cara á dereita para a incorporación de Valéria, cuxo dereitazo foise por pouco á esquerda do marco coruñés. Geyse volveu ter a oportunidade de acurtar distancias para as madrileñas no minuto 58, nun man a man con Sullastres após unha longa acción de ataque na que o balón se paseou varias veces pola área herculina. A gardameta despexou co peito o remate de socato da dianteira do conxunto branco.

Cando peor pintaban as cousas, no minuto 61, Mônica controlou mal un balón en tres cuartos de campo e Peke recuperouno, saíndo rapidamente con clara vantaxe cara á portería rival. A vasca burlou a saída de Paola Ulloa ao bordo da área e marcou a porta baleira o seu oitavo gol da temporada, sentenciando a contenda e desfacendo o empate como máxima goleadora deportivista do curso que establecera Alba Merino co 2-0.

Aínda que as madridistas seguiron insistindo, a vitoria non perigou en ningún momento xa que as branquiazuis seguiron defendendo co mesmo orde e intensidade que até entón.

Con este triunfo, o sexto da temporada, as branquiazuis abandonan o último posto da clasificación, alcanzando os 21 puntos, a 5 da zona que dá a salvación aínda que cun partido disputado menos que os seus rivais.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Blanco, Iris, Villegas, Eva Dios, Alba Merino (Carlota, min. 90+1), Ainoa, Gaby, Peke (Bedoya, min. 82) e Athenea (Patri López, min. 90+2).

Madrid CFF: Paola Ulloa, León, Itzi (Silvia Rubio, min. 75), Mônica, Frisbie, Joyce (Macarena, min. 36), Sara Tui (Araújo, min. 75), Chikwelu (Estela, min. 86), Priscila, Valéria (Kerolin, min. 75) e Geyse.

Goles: 1-0 Gaby (min. 10); 2-0 Alba Merino (min. 34); 3-0 Peke (min. 61).

Árbitra: Arregui Gamir (c. vasco). Cartón amarelo a Villegas (min. 26), Sara Tui (min. 53) e Kerolin (min. 88).

Incidencias: partido da 28ª xornada de Primera Iberdrola disputado en Abegondo con asistencia limitada a 150 espectadores debido á pandemia de COVID-19.