RCD / NOVAS

O Dépor ABANCA volve toparse coa súa 'besta negra' (1-1)

05/06/2021 16:17

O Deportivo ABANCA sumou un punto que sabe e que chega a pouco fronte á súa 'besta negra', un UD Granadilla Tenerife ao que non logrou vencer en cinco enfrenamientos (catro en Primera Iberdrola e un Trofeo Teresa Herrera) e que sacou petróleo de Abegondo, onde foron as coruñesas quen dispuxeron de máis e mellores ocasións.

As branquiazuis saltaron ao céspede enchufadas desde o mesmo asubío inicial. Nos primeiros minutos, as dianteiras deportivistas protagonizaron varias accións de perigo. No minuto 5, Eva Dios buscou en profundidade a Athenea, que á súa vez tratou de atopar a Peke no corazón da área, onde Patri Gavira rexeitou in extremis. Un minuto máis tarde, a propia Athenea non alcanzou a desviar, por centímetros, un centro de Peke desde a dereita após unha internada da dianteira vasca.

O conxunto tinerfeño tamén protagonizou varias chegadas, todas en accións a balón parado, facendo valer a súa maior presenza física. A defensa branquiazul, aínda que non sempre en primeira instancia, abortou todos eses ataques.

Mediado o primeiro período, Stephannie Blanco tentou sorprender a Aline Reis nunha falta afastada. O balón ía axustado ao pau dereito da portería visitante pero a gardameta brasileira atallouno con seguridade. Cinco minutos despois chegou a máis clara oportunidade do conxunto canario na primeira metade. María José disparou co seu pé esquerdo desde o punto de penalti rozando o traveseiro despois dunha perda deportivista na saída desde atrás.

Reaccionou rápido ao erro o Dépor ABANCA, que uns segundos máis tarde estivo a piques de abrir o marcador. Alba Merino atopou a Peke cun pase en profundidade polo centro e a goleadora deportivista, sen mirar, tentou atopar no outro custado da área a Athenea. A recentemente convocada pola selección española absoluta chegou por milímetros antes da valente saída de Aline Reis, que evitou o tanto milagrosamente.

O UD Granadilla Tenerife seguiu acosando en accións de estratexia. Como cando Pisco tentou sorprender a Sullastres, no minuto 35, cun saque de esquina pechado que pasou preto do segundo pau sen que ninguén impactase co coiro. O Deportivo ABANCA tamén puxo en aprietos ás súas adversarias nesa sorte. As branquiazuis dispuxeron de dous córneres consecutivos, no minuto 37, nos que a gardameta visitante só foi capaz de despexar en curto pero ningunha xogadora branquiazul tivo o acerto de remachar. Si se achegaron máis ao gol nun novo saque de esquina, xa ao fío do descanso, no que Cris se fixo co rexeite da zaga canaria e conseguiu disparar a porta, pero unha defensa rexeitou a pelota cando se dirixía cara á portería.

A segunda metade comezou do mesmo xeito que concluíra a primeira. O Deportivo ABANCA dispuxo dunha posibilidade de inaugurar o marcador á saída dun córner, no minuto 50. Nesta ocasión, quen capturou o coiro foi Eva Dios, cuxa volea detivo, ben colocada, a gardameta tinerfeña. Con todo, poucos segundos despois, a propia Eva Dios controlou mal un balón en mediocampo, este caeu a pés de Martín-Prieto, que abriu para o extremo dereito cara á serbia Allegra Poljak, cuxo centro á área pequena desviouno a primeira ao fondo das mallas.

Para nada resignáronse as branquiazuis, senón todo o contrario. Tardaron cinco minutos en acariñar o empate, nun centro-chute de Alba Merino desde a dereita que Aline Reis conseguiu despexar a córner nunha incrible estirada. Eva Dios de novo foi protagonista no minuto 62, cando non puido precisar o remate no segundo pau a un potente centro por baixo de Alba Merino que superara todas as liñas defensivas.

Manu Sánchez apostou entón por romper a defensa de tres centrais, dando entrada a Lía por Villegas. Con catro no fondo, o mediocampo pasou a formar nun rombo coa coruñesa no vértice máis adiantado. Pouco despois da substitución, Ainoa buscou o gol nun disparo desde 25 metros, pero o esférico perdeuse á esquerda do marco visitante. O UD Granadilla Tenerife empezou, loxicamente, a atopar máis espazos para saír con velocidade ao contragolpe. Nun deles, o balón acabou na frontal da área a pés da estadounidense Clare Pleuler, que se sacou un canonazo a botepronto ante o que Sullastres respondeu con rapidez e seguridade para evitar o 0-2. E Aline Reis volveu aparecer para desviar a córner un libre directo de Alba Merino cando xa moitos deportivistas cantaban o gol.

Despois duns minutos sen achegamentos claros, chegou o empate. Corría o minuto 81 cando Peke recibiu o balón completamente soa no costado dereito da área. O control escapóuselle lixeiramente pero a dianteira biscaíña cambiou rapidamente de obxectivo e, no canto de disparar en posición escorada, sacou un perfecto centro tocado que Gaby cabeceou lonxe do alcance de Aline Reis.

A venezolana tivo, no minuto 87, outro balón na súa cabeza para dar os tres puntos ao Dépor ABANCA, pero rematou alto un balón que caeu no primeiro pau após un centro desde a dereita de Athenea que desviara Patri Gavira. Sullastres evitou a sentenza no minuto 88, ao gañar un man a man a Martín-Prieto. Nos últimos minutos, a pesar dos intentos do Deportivo ABANCA, xa non se movería o marcador, finalizando o encontro cun empate que non serve de moito ao conxunto coruñés, situado agora mesmo a catro puntos da zona de salvación que marcan Rayo Vallecano e SD Eibar, cos seus respectivos partidos da 32ª xornada aínda por xogar.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Blanco, Iris, Villegas (Lía, min. 65), Eva Dios (Patri López, min. 76), Alba Merino, Ainoa, Gaby, Peke e Athenea.

UD Granadilla Tenerife: Aline Reis, Estella (Aleksandra, min. 59), Sara López, Patri Gavira, Pisco, Pleuler, Natalia Ramos, Paola Hernández (Silvia Doblado, min. 46), Allegra (Adamek, min. 80), María José (Koko Ange, min. 68) e Martín-Prieto.

Goles: 0-1 Martín-Prieto (min. 51); 1-1 Gaby (min. 81).

Árbitra: Peláez Arnillas (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Athenea (min. 75), Natalia Ramos (min. 77), Peke (min. 79) e Aline Reis (min. 79).

Incidencias: partido da 32ª xornada de Primera Iberdrola disputado en Abegondo con asistencia limitada a 150 espectadores debido á pandemia de COVID-19.

RCD / J32 Primera División Femenina

  • Sullastres
  • Stephanie Blanco
  • Villegas (65')
  • Iris Arnaiz
  • Ainoa
  • Gabriela García
  • Cristina Martínez
  • Eva Dios (76')
  • Alba M.
  • Athenea
  • Ainize Barea

Suplentes

  • Rosalia Muiño (66')
  • Patricia López (76')
  • María Figueroa
  • Noe Bermúdez
  • Carlota Sánchez
  • Michelle Romero
  • Kika Moreno
  • Lorena Bedoya
  • Helena Torres
  • Aline Reis
  • Pisco
  • Paola (45')
  • Patri Gavira
  • Sara Lopez
  • Estella (59')
  • N. Ramos
  • Clare Pleuler
  • Allegra Poljak (80')
  • Martín-Prieto
  • Mari Jose (68')

Suplentes

  • Kayla Adamek (81')
  • Ainhoa Delgado
  • Ange Koko (69')
  • Ana G.
  • Aleksandra (60')
  • S. Doblado (45')
  • Pili

Estadio

Abegondo

Goles

  • 0-1 (51'). Martín-Prieto
  • 1-1 (82'). Gabriela García

Árbitro

Elena Peláez Arnillas amoestou aAthenea (74'), Patricia López (80') do Deportivo Abanca y N. Ramos (77'), Aline Reis (79') do UD Granadilla Tenerife Egatesa.