RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor afina a puntaría ante o Arousa no segundo test da pretemporada

Segundo partido de pretemporada para o Dépor e segundo triunfo. Se onte xoves os branquiazuis estrearon o calendario de amigables con vitoria en Vilalba, hoxe venres repetiron en Vilagarcía ante outro 'Terceira División', o Arousa (0-7).

Nun test máis esixente pola calor, o estado do céspede, seco e duro, e a intensidade que lle imprimiu ao encontro o Arousa (sobre todo na primeira parte), os branquiazuis afinaron a súa puntaría, sobre todo na segunda metade, fronte a un rival loxicamente desfondado nos segundos 45 minutos.

Pepe Mel continuou coa base coa que arrincou a pretemporada, é dicir, cunha mestura entre xogadores que terán como misión manter ao Dépor en Primeira outro ano máis, xunto a fabrilistas e xuvenís.

Así, do mesmo xeito que onte na Magdalena, o Deportivo presentou dous onces, un en cada tempo. Coas ausencias obrigadas de Borja Vale, cunha lumbalxia, e de Álvaro Queijeiro, cunhas molestias nos isquiotibiais da súa perna dereita, no campo da Lomba fixeron hoxe o seu debut co primeiro equipo a meta nixeriano Francis e Gerard Valentín.

Ademais un canteirán, Aarón, estreouse como goleador co Dépor. Antes Pinchi anotara o primeiro, como onte en Vilalba, ao aproveitar un rexeite. Arribas en dúas ocasións, unha de cabeza e outra á saída dun córner, Borges tamén coa testa, Bruno Gama tras xogada persoal e ao aproveitar un jugadón e asistencia de Bicho, completaron o marcador.

Arousa: Roberto Pazos, Batallón, Suso, Nacho, Vitra, Sergio Santos, Yerai, Sayar, Javi Pazos, Xulio Rei e Anxo.Tamén xogaron: Aarón, Fran Matogueiras, Lloves, Iago Beceiro, Sylla, Manu, Rivas, Marcos, Carlitos e Guillermo.

Deportivo, primeiro tempo: Tyton, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Saul, Guilherme, Aarón, Fede Valverde, Mosquera, Óscar Pinchi e Adrián.

Segundo tempo: Francis, Gerard, Arribas, Róber, Navarro, Bicho, Edu Expósito, Bruno Gama, Borges, Luisinho e Pedro.

Árbitro: Daniel Pastoriza, do Colexio Galego.

Goles: 0-1, m. 15: Óscar Pinchi; 0-2, m. 30: Aarón; 0-3, m. 50: Arribas; 0-4, m. 52: Borges; 0-5, m. 55: Bruno Gama; 0-6, m. 68: Arribas; 0-7, m. 78: Bruno Gama.