RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor aparca a liga unhas horas para centrarse no Trofeo Teresa Herrera 2018

Nunha semana longa até o partido ligueiro do próximo luns 19 de novembro en Almería (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV), o Deportivo aparca por unhas horas a competición oficial para centrarse no LXXIII Trofeo Teresa Herrera de mañá mércores 14 de novembro en ABANCA-RIAZOR (20:45 horas, Gol) ante un histórico do fútbol español, o Athletic Club.

Para iso, Natxo González ten a día de hoxe as baixas seguras de Pedro Sánchez e Dubarbier, lesionados. O técnico deportivista si poderá contar con Borja Valle, ao que lle queda un partido de suspensión na liga.

O primeiro equipo comezou a preparar esta mañá o decano dos torneos estivais, este ano 2018 no outono debido ás obras das cubertas do Estadio ABANCA-RIAZOR.

Após un quecemento, os futbolistas, hoxe co meta fabrilista Pedro López, tiveron rondos, un exercicio de posesión e, para concluír, un partido ao ancho do campo 3, de espazo máis reducido e, por conseguinte, de máis intensidade.

Mañá, o cadro está citado de novo ás 11:00 horas en Abegondo. Ao finalizar, Natxo González dará a lista de convocados para o encontro fronte ao conxunto que dirixe Eduardo Berizzo.