RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor, apeado da Copa nos penaltis por Unionistas

Nunha xélida mañá con temperaturas baixo cero e unha espesa néboa, Unionistas e Deportivo víronse as caras por segunda vez esta temporada. Após o amigable estival en Asturias, a Copa do Rei cruzou por primeira ocasión a ambos os equipos en competición oficial. Con bo ambiente nas bancadas das Pistas, Fernando Vázquez apostou por un once composto maioritariamente polos futbolistas que menos minutos gozaran no partido do seu debut en Soria.

O Dépor foi o primeiro en tentar buscar portería contraria forzando un córner cando aínda non se completaron o primeiros sesenta segundos de xogo. Botado sen consecuencias, a primeira intervención dun porteiro tamén foi local cunha saída do galego Brais aos pés de Jovanović camiño do minuto 5. Máis clara foi a estrea local nun disparo de Portilla duro e con rosca desde o frontal pero moi centrado ao estómago de Koke.

Longo tamén o tentou pelexando dentro de área e forzando un córner que acabou rematando alto Borja Valle. Corría o minuto 10 e aos poucos o Dépor ía cedendo as ocasións ao conxunto local. Unha falta perigosa por man de Jovanović e lanzada por Garrido acabou desviada pola barreira a córner nunha xogada desde a esquina que resolveu ben tirándose abaixo Koke Vegas. O gardameta deportivista salvou o primeiro camiño do descanso noutra mostra de reflexos após remate picado de José Ángel que obrigou a voar ao porteiro.

O Dépor foi especialmente contundente atrás durante a primeira parte e apenas concedeu ocasións excepto as que chegaban en xogadas a balón parado. En carreira, o que tivo unha boa oportunidade foi Borja Valle, que se marchou só cara á portería local pero a zaga salmantina, rápida de reflexos, acabou incomodando o remate final do berciano. Súa foi a última ocasión do primeiro tempo e a primeira do segundo, esta resolta por Brais para evitar o primeiro tanto visitante, que tamén puido chegar por mediación de Jovanović, que rematou picado e que o porteiro atallou atento sobre a liña.

O que si estivo acertado foi o equipo local nunha xogada por banda dereita nun centro raso de Javi Navas para o remate de Guille Andrés dun balón que, aos tombos, coouse entre as pernas de Koke. O árbitro anotoullo a Peru en propia porta. Os charros non se conformaban e seguiron buscando a portería coruñesa. De falta, con paradón de Koke, e nunha xogada cravada á do gol que nesta ocasión abortou Mujaid, tentaron lograr o segundo.

A reacción do Dépor chegou no último cuarto de hora do partido, primeiro a través de Beto, que rematou alto un centro de Gaku, despois cun tiro de Aketxe duro desde a frontal que rozou a escuadra e finalmente co gol de Borja Valle á saída dun córner botado polo propio xogador vasco. Neste caso, tamén con lea na área pequena, o árbitro anotou como autor do tanto en propia meta a Pedro López. A prórroga puidérona evitar Guille Andrés cun disparo alto e Ager Aketxe, que tampouco atopou portería.

No tempo extra un bo disparo de De la Nava sacado en dous tempos por Koke e outra parada a tiro raso de Pedro López foron as oportunidades locais, xunto a unha falta cometida por Aketxe sobre Matthieu que Góngora remato á beira da escuadra. Por parte deportivista, a máis clara, un dobre córner que en segunda instancia rematou Beto picado a escasos centímetros da portería local.

Sen goles na prórroga a resolución tivo que realizarse desde o punto de penalti. Brais e Koke pararon senllos lanzamentos a Gaku e Guille Andrés no cinco primeiros regulamentarios. O tiro fóra de Lampropoulos no oitavo deixou nas botas de José Ángel o pase local á terceira eliminatoria. Non fallou unionistas nese lanzamento que serve para escribir un novo capítulo da curta e intensa historia do club salmantino. Historia que recoñeceron os afeccionados locais ao Dépor, despedido a berros de "o Dépor é de Primeira" antes de comezar os seus festexos por pasar de rolda.

Unionistas CF: Brais, Piojo, Zubiri, Pedro, Góngora, José Ángel, Portilla (Gallego, min. 46), Javi Navas (Mathieu, min. 82), Romero, Garrido (Guille Andrés, min. 61) e De la Nava.

RC Deportivo: Koke, Mujaid, Lampropoulos, Peru, Luis Ruiz, Gaku, Kanouté (Vicente, min. 58), Borja Galán, Jovanović (Beto, min. 64), Borja Valle (Mollejo, min. 95) e Longo (Aketxe, min. 75).

Goles: 1-0 Peru -pp- (min. 63); 1-1 Pedro López -pp- (min. 82).

Penaltis: 8-7. 0-1 Beto, 1-1 Góngora, 1-1 Fallo Gaku, 2-1 De la Nava, 2-2 Peru. 3-2 Romero, 3-3 Mollejo, 3-3 Fallo Guille Andrés, 3-4 Aketxe, 4-4 Gallego, 4-5 Borja Galán, 5-5 Matthieu, 5-6 Luis Ruiz, 6-6 Zubiri, 6-7 Mujaid, 7-7 Pedro López, 7-7 Fallou Lampropoulos e 8-7 José Ángel.

Árbitro: Ocón Arraiz (c. Rioxano). Amoestou a Peru (min. 68), Matthieu (min. 113) e Mollejo (min. 120).

Incidencias: partido de segunda eliminatoria de Copa do Rei disputado nas Pistas do Helmántico ante 3.583 espectadores, 300 deles deportivistas.