RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor arranca a semana, xa nos campos 2 e 3 de Abegondo, con traballo físico e tarefa táctica

O Deportivo iniciou esta mañá en Abegondo a terceira semana de pretemporada. O primeiro equipo volveu ademais os campos 2 e 3, o seu lugar de traballo habitual. Os responsables de xardinaría do Club puxeron xa a disposición de Borja Jiménez os dous terreos de xogo, que presentan un estado perfecto para o traballo diario despois de varias semanas de mantemento.

Despois dun quecemento de forza con rondos, o técnico deportivista dispuxo como tarefa principal da mañá, en tres grupos, un exercicio táctico no campo 2 e un circuíto físico de forza nun dos campos de fútbol oito.

A mañá concluíu no campo cun torneo de fútbol reducido, de alta intensidade.

Adestráronse á marxe Valín e Pablo Brea, este tamén con tarefas sobre o céspede. Pola súa banda, Alberto Benito permanece no seu domicilio con traballo individualizado ata que ditaminen os Servizos Médicos.

Rolan, Uche e Fede Cartabia teñen permiso; e Celso Borges xogou onte á noite coa súa selección os cuartos de final da Copa de Ouro da CONCACAF.

Dani Barcia, Yeremay, Noel, Guille Bueno, Brais Suárez, Iván Guerrero, Alberto e Juan Rodríguez foron esta mañá a representación de #ANOSACANTEIRA no primeiro equipo.

Cunha climatoloxía idónea para unha pretemporada: nubrado e temperaturas non superiores aos 20 graos, o Dépor 2021-22 arrincou así a súa terceira semana de traballo.

Borja Jiménez traza as liñas xerais do novo Dépor

Borja Jiménez, adestramento a adestramento, día a día, vai perfilando ao novo Dépor 2021-22.

Esta tarde, na segunda sesión de traballo para o primeiro cadro hoxe luns, o técnico deportivista dispuxo un partido once contra once no campo 2 de Abegondo.

Impartiu constantes instrucións e mesmo charlou individualmente con futbolistas mentres transcorría o xogo.

Achégase o primeiro amigable, o deste mércores 28 de xullo no campo da Magdalena de Vilalba (19:30) que se tiña que disputar o pasado sábado 24, e o deseño das sesións a cargo do corpo técnico tamén varía, con máis peso cada vez para as tarefas tácticas.

Borja Jiménez advertiu o pasado venres en rolda de prensa que "vai ser un pouquiño pronto para que podamos ver as cousas que ao longo do ano queremos mostrar; polo cúmulo de sesións co que imos chegar, polo tempo ou a calidade desas sesións ou no que incidimos, máis situacións de xogo reducido para que vaian collendo o seu estado de forma que situacións en campo aberto".

Con todo, Borja Jiménez si espera no campo da Magdalena "un Dépor que mostre ilusión e un compromiso moi grande os noventa minutos de partido".

Esta tarde adestráronse á marxe Valín e Pablo Brea. Pola súa banda, Alberto Benito permanece no seu domicilio con traballo individualizado ata que ditaminen os Servizos Médicos que dirixe o doutor Carlos Lariño.

Rolan, Uche e Fede Cartabia teñen permiso; e Celso Borges xogou onte á noite coa súa selección os cuartos de final da Copa de Ouro da CONCACAF.

Dani Barcia, Yeremay, Noel, Guille Bueno, Brais Suárez, Alberto e Juan Rodríguez foron pola tarde a representación de #ANOSACANTEIRA no primeiro equipo.

Mañá martes 27 de xullo, o Dépor adestrarase ás 10:30 en Abegondo. Ao concluír, Borja Jiménez dará a lista de convocados para o amigable ante o Racing Villalbés, retransmitido en directo a través da canle de Youtube do Club, grazas á firma coruñesa integralmotion.es.