RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor asina as súas segundas táboas consecutivas sen goles

O regreso de Mackay baixo os paus, de Trilli ao lateral dereito por Villares, que se desprazou ao centro do campo en lugar de Álex, Calavera por Mario Soriano e Álvaro Rey por Quiles foron os movementos no once inicial de Borja Jiménez para afrontar o partido contra o Racing de Ferrol respecto da aposta da pasada fin de semana en San Sebastián de los Reyes.

O partido foi moi similar ao da primeira volta, con escaseza de chegadas en ambas as porterías e dificultade dos contendentes para exceder a zona de tres cuartos. A pesar diso, o Dépor dispuxo de máis balón e máis dominio do partido, o que se acabou traducindo tamén nun maior número de oportunidades.

Con tanto futbolista polo centro, as chegadas tiñan que producirse polos costados e o Dépor empezou cargando pola esquerda con William e Héctor. Un centro para Miku, que recibiu de costas e controlou dentro da área, foi a primeira aproximación con perigo, pero o dianteiro non foi capaz de darse a volta ante a presión da defensa. Un minuto despois chegou o primeiro disparo, de Trilli coa zurda, lixeiramente desviado, como tamén se lle marchou a Elitim o seu primeiro intento.

Ambos foron os protagonistas da primeira clara, cunha boa xogada de Trilli que púxoll a Juergen no punto de penalti, pero non puido orientar o seu disparo. Para a primeira aproximación do Racing houbo que esperar ao 41 cunha xogada de Heber por banda que deixou na frontal da área pequena para que David Rodríguez rematase desviado.

Os ferroláns tamén dispuxeron da primeira do segundo tempo cunha chegada a liña de fondo e Alayeto, con Mackay basculando, atopou as pernas dun defensa no percorrido do balón a portería. A máis clara tamén foi visitante cun paradón espectacular de Ian Mackay a remate de cabeza de David Rodríguez.

A resposta branquiazul tamén foi meridiana: balón de Aguirre que rexeita a defensa e Soriano, entrando desde atrás con todo, atópase a Fornos na ruta do seu disparo franco a porta. Durante minutos o Deportivo acosou ao Racing na área cunha primeira para Juergen que non foi capaz de rematar entre o tres paus despois de controlar de peito e sobre todo en 80 cunha recuperación de Villares que a serviu a Elitim para que a rebentase contra a man, en estirada, de Jeferson Quintana, pero o árbitro non viu un penalti reclamado por todo o Estadio a unha soa voz.

Os últimos 10 minutos Soriano e Noel puxeron a electricidade entre liñas, cun centro do madrileño que rematou desviado de cabeza Miku e un disparo do propio Soriano, xa superado o 90, que obrigou a Gianfranco á estirada coa que se pechou un novo 0-0 fronte ao Racing de Ferrol.

RC Deportivo: Mackay, Trilli, Lapeña, Jaime, Héctor (Diego Aguirre, min. 70), Calavera (Noel, min. 80), Villares, Álvaro Rey (Mario Soriano, min 62), Juergen, William (Alberto Quiles, min. 70) e Miku.

Racing de Ferrol: Gazzaniga, Miguel Loureiro, Yeferson Quintana, Pumar (Alfonso Candelas, min. 60), Quique Fornos, Dani Nieto (David del Pozo, min. 60), Fran Manzanara, Álex López (Kevin Presa, min. 80), Heber, Íñigo Alayeto (Joselu, min. 80) e David Rodríguez (Nathan, min. 84).

Árbitro: Ruiz Álvarez (c. asturiano). Amoestou a Calavera (min. 20), Héctor (min. 26), Borja Jiménez (min. 26), Miku (min. 30), Fran Manzanara (min. 31), David del Pozo (min. 68), Yeferson Quintana (min. 77) e Gazzaniga (min. 82).

Incidencias: partido da 26ª xornada de Primeira RFEF Footters disputado ante 17.166 espectadores, 1.000 deles visitantes. Ambos os equipos saltaron ao campo portando unha pancarta en contra da guerra.