RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor cae na Copa tuteando a un dos mellores visitantes de Primeira (1-2)

O Deportivo tuteou ao CA Osasuna, un dos mellores equipos de Primeira División lonxe do seu feudo, pero acabou caendo eliminado da Copa do Rei a pesar de adiantarse no marcador.

O técnico branquiazul, Borja Jiménez, realizou tres cambios con respecto ao once que presentou de inicio no Estadio de La Condomina, no partido da primeira eliminatoria copeira. Mackay ocupou a posición de Pablo Brea baixo paus, mentres que en mediocampo entrou Diego Villares por Menudo e en ataque Doncel fixo o propio en lugar de William de Camargo.

O Dépor deixou claro desde o principio que ía demostrar o porqué da súa fantástica marcha no campionato ligueiro ante un CA Osasuna que saltou ao céspede de ABANCA-RIAZOR con boa parte da súa artillaría. Cuarto mellor visitante de Primeira, con 14 puntos en 8 partidos (4 vitorias, 2 empates e só 2 derrotas), o conxunto navarro só é superado nestes momentos por Real Madrid, Real Betis e Sevilla FC.

O primeiro disparo a porta correu a cargo de Javier Ontiveros, cun dos seus típicos potentes lanzamentos con efecto que atrapou Mackay, no minuto 4. Seis despois, chegou o primeiro achegamento claro dos branquiazuis. Doncel enviou o coiro por riba do traveseiro desde o bordo da área após un bo ataque iniciado por Noel e conducido por Mario Soriano.

Unha boa chegada de Trilli até a liña de fondo con pase ao punto de penalti, non a puideron rematar nin Noel nin Mario Soriano, que escorregaron, nin tampouco Aguirre, que chegou desde segunda liña.

Con todo, mediado o primeiro tempo Doncel foi derrubado en falta a menos dun metro da liña da área, case no vértice da mesma na dereita do ataque herculino. O propio Doncel executou maxistralmente o libre directo, colocando o balón no recanto, imposible para Sergio Herrera, para adiantar no marcador ao equipo branquiazul.

Aínda que o Dépor contivo o primeiro arreón osasunista, os visitantes empezaron a chegar con máis claridade no cuarto de hora final. No minuto 32, Budimir enganchou un balón solto na área e o seu zurdazo foise preto do poste esquerdo da portería coruñesa. No 38 foi Kike García quen disparou á media volta desde o bordo da área, por riba do traveseiro. No 43 foi quenda de Ontiveros, con outro disparo dos seus, este con efecto cara a fóra, que levou o balón á esquerda da portería herculina.

O colexiado engadiu tres minutos a pesar de que non houbo cambios aínda que si dúas saídas das asistencias para atender a Diego Villares e a Borja Granero. No primeiro minuto de engadido, Kike García cabeceou un córner rozando o traveseiro. E no último instante, o propio dianteiro do equipo navarro rematou ao bordo da área pequena co seu pé dereito un córner botado por Roberto Torres desde a dereita do ataque osasunista. Tralo saque de centro, o árbitro indicou a conclusión do primeiro período ante a unánime pitada da parroquia deportivista.

A pesar da forte saída do CA Osasuna na segunda parte, xa que Mackay tivo que enviar a córner no minuto 48 un duro disparo de Javi Martínez, o Dépor foi máis vertical e acumulou máis ocasións que o seu rival.

No minuto 56, Mario Soriano gañou as costas á defensa navarra nun balón en profundidade e sorteou a saída de Sergio Herrera pero foise cara á liña de fondo. O seu balón cara atrás en busca dun compañeiro recuperouno Oier para abortar o perigo.

Dous minutos máis tarde, Borja Jiménez deu entrada a Víctor García por Diego Villares, co que o Deportivo pasou a xogar un 4-4-2, con Doncel e Víctor García nos extremos e Noel e Mario Soriano en punta.

Acto seguido, Doncel desviou un potente centro raso de Aguirre ao bordo da área pequena, pero o seu remate con márchamo de gol topouse coas pernas dun defensa e a pelota foise a saque de esquina. Pouco despois, no minuto 62, Rafa de Vicente lanzou polo centro nun veloz contragolpe a Mario Soriano, que abriu á dereita para Trilli e este devolveulla ao madrileño, cuxo remate raso ao primeiro toque atrapou Sergio Herrera con dificultade, en dous tempos.

Parecía que o Dépor chamaba á porta do 2-1 e o que chegou foi o 1-2. Un disparo de Kike García desde a media lúa ao que respondeu Mackay cunha gran intervención acabou cun rexeite franco a pés de Budimir, que marcou a pracer. Corría o minuto 64.

Os osasunistas tiveron dúas claras opcións de sentenciar a contenda, nunha volea de Budimir que se foi ás nubes no minuto 73 e unha nova cabezada de Kike García nun córner, tamén por riba do traveseiro, no 78.

Borja Jiménez puxo toda a carne no asador e o Dépor acabou como empezou o pasado domingo fronte ao Real Valladolid Promesas, practicamente con catro dianteiros: William e Quiles nos extremos e Noel e Miku en punta.

O brasileiro foi quen máis preto estivo do empate, cando no minuto 82 correu en diagonal buscando perfilarse para disparar coa súa perna boa. O seu dereitazo buscaba o recanto contrario, pero non saíu tan esquinado como quería WDC e Sergio Herrera fíxose co esférico.

A pesar dos intentos finais, a forzar varios saques de esquina e colgar un par de balóns claros á área xa en tempo engadido, os branquiazuis non xeraron ningunha outra ocasión e o encontro finalizou con triunfo e clasificación osasunista para os dezaseisavos de final.

Así pois, o noveno cruzamento copeiro ante o conxunto pamplonica, o máis repetido de #anosahistoria, non sorriu nesta ocasión ao Dépor, que domina o balance particular por 6 a 3.

RC Deportivo: Mackay, Trilli (Miku, min. 83), Pablo Trigueros (Lapeña, min. 69), Borja Granero, Aguirre, Diego Villares (Víctor García, min. 58), Josep Calavera, Rafa de Vicente, Doncel (Quiles, min. 83), Noel e Mario Soriano (William, min. 69).

CA Osasuna: Sergio Herrera, Ramalho (Nacho Vidal, min. 76), Oier, David García, Cote, Roberto Torres (Juan Cruz, min. 68), Javi Martínez, Iñigo Pérez (Moncayola, min. 68), Ontiveros (Kike Barja, min. 68), Kike García e Budimir (Rober Ibáñez, min. 83).

Goles: 1-0 Doncel (min. 23); 1-1 Kike García (min. 45+3); 1-2 Budimir (min. 64).

Árbitro: Cordero Veiga (c. cántabro). Cartón amarelo a David García (min. 29), ao adestrador deportivista Borja Jiménez (min. 69) e Borja Granero (min. 88).

Incidencias: partido da segunda eliminatoria da Copa do Rei disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 9.729 espectadores.