RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor celebra o 25 de xullo con case os mesmos socios que hai un ano

Ao peche de despacho de billetes e renovacións online o 24 de xullo de 2018, o Real Club Deportivo conta con 10.501 socios, 92 menos que hai xusto un ano, cando na véspera do Día de Galicia o Club contaba con 10.593, na que acabou sendo a temporada con máis abonados dos últimos 15 anos.

Ademais de agradecer o apoio incondicional, máis aló dos resultados ou a categoría, a todos os socios que xa renovaron ou se deron de alta, o Real Club Deportivo quere facer un recordatorio importante aos seus abonados da pasada campaña: até o 2 de agosto manterase a reserva do seu asento (activa desde o pasado 11 de xuño) que, de non ser renovado, quedará liberado e posto a disposición doutros socios. Aínda que este ano non hai Trofeo Teresa Herrera no verán e LaLiga non empeza en ABANCA-RIAZOR até a cuarta xornada do campionato, é importante lembrar que estas son as datas destacadas do calendario da campaña de abonados:


3 ao 7 de agosto: cambios de localidade de asentos liberados só para socios e só mediante cita previa.

8 ao 10 de agosto: alta de socios de asentos liberados só mediante cita previa.

11 de agosto: subida do 5% no prezo dos abonos.

Debido ás obras da cuberta do Estadio ABANCA-RIAZOR, a Oficina de Atención ao Deportivista trasladouse provisionalmente á Oficina Principal de Correos (c/ Alcalde Manuel Casás s/n), polo que se recomenda utilizar a plataforma de cita previa (citaprevia.rcdeportivo.es), que cumpre a súa terceira temporada activa, para axilizar os trámites e reducir as colas.

Igualmente, por quinta campaña consecutiva, os afeccionados poderán renovar o seu carné por internet, a través da web abonos.rcdeportivo.es. Tamén está dispoñible, un ano máis, o sistema de financiamento do abono a través de ABANCA, cuxo trámite poderá realizarse de forma directa na OAD.

CONSULTA Ou DESCARGA AQUÍ TODA A INFORMACIÓN DA CAMPAÑA DE ABONOS DO REAL CLUB DEPORTIVO 2018-2019