RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor comeza a levantar o ánimo

O Deportivo regresou esta mañá aos adestramentos nunha semana sen fútbol, debido ao partido que se tiña que xogar en Reus, correspondente á 30ª xornada en LaLiga 1|2|3.

Obxectivo principal nestes días sen competición, sen tensión ligueira: recuperar o sorriso, levantar o ánimo dos futbolistas despois da primeira derrota da temporada no Estadio ABANCA-RIAZOR.

Para iso, non houbo sesión de vídeo, nin traballo táctico, nin accións de estratexia. Para empezar, o preparador físico, Julio Hernando, dividiu ao seu cadro en 4 equipos, que competiron en xogos de técnica con balón.

A continuación, no campo 2, houbo un exercicio de finalizacións; e para concluír o traballo sobre o céspede, Natxo González dispuxo un partido con 3 porterías, unha delas defendida polo fabrilista Pedro López.

Durante os estiramentos finais, os futbolistas realizaron un último exercicio de habilidade: cada xogador, situado ao bordo da área, tiña que disparar ao traveseiro e, caso de acertar, marcar tralo rexeite.

Adestráronse á marxe do grupo Krohn-Dehli, Carlos Fernández e Nahuel; e Quique González retirouse antes que os seus compañeiros, por precaución.

Mañá xoves, o equipo volve á Cidade Deportiva ás 11:00 horas.