RCD / NOVAS

O Dépor comezou os seus adestramentos para LaLiga Genuine

06/09/2017 14:07

O Deportivo comezou este mediodía na Cidade Deportiva da Torre, grazas á colaboración co Concello da Coruña, os adestramentos para preparar a súa participación en LaLiga Genuine, competición formada por conxuntos do colectivo DI (persoas con discapacidade intelectual).

Ás ordes de Pablo Barros e Luís Pastur, con Andrés Echeverría como delegado, hoxe arrancou a súa pretemporada o RC Deportivo 'Genuine' formado por Iván Bernárdez Palmeiro, Gabriel Cives Branco, Sergio Díaz Rodríguez, Mª do Carmen Durán Rodríguez, Borja Eiroa Castro, José Manuel Esmorís Calvete, Senén Fernández Díaz, Ignacio García González, Alejandro Gómez Barbeito, Jesús González Escudeiro, Nikita Karlamov, Gabriel López No, Álvaro López Peribáñez, Iván Lorenzo Santiago, Alejandro Lugrís Mato, Samuel Martínez Ares, Anxo Martínez Barreiro, Javier Martínez Iglesias, Alejandro Pereira Sayar, Juan Agustín Torrens Martínez, Daniel Trasancos Lima, Victor Vales Ruz e Cristian Vázquez Gerpe.

O equipo continuará coa súa preparación na Cidade Deportiva da Torre todos os mércores ás 12:00 horas.

LaLiga Genuine disputarase en catro fases, que terán lugar noutros tantos fins de semana no mesmo número de sedes.

- 1ª fase: Vilarreal (do 6 ao 8 de outubro de 2017)
- 2ª fase: Tarragona (do 19 ao 21 de xaneiro de 2018)
- 3ª fase: Mallorca (do 13 ao 15 de abril de 2018)
- 4ª fase: Vigo (do 8 ao 10 de xuño de 2018)

Todos os partidos dividiranse en 4 tempos de 10 minutos cada un e o resultado final será o de períodos gañados por cada equipo e non o de goles anotados. É dicir, o marcador máis avultado que se poderá dar é o 4-0.

En LaLiga Genuine, ademais da suma de puntos polos resultados deportivos, co fin de que prime a deportividade e non a competitividade, todos os clubs contarán cada xornada cunha serie de puntos que premien o xogo limpo. Trátase dunha liga para compartir, non competir, e todas as accións que promovan o fair play serán premiadas con puntos na clasificación final.

Son 18 equipos os que tomarán parte nesta primeira edición de LaLiga Genuine. Ademais do RC Deportivo, completan a nómina de clubs participantes Athletic Club, RCD Espanyol, Atlético de Madrid, Real Sociedad, Valencia CF, CA Osasuna, Villarreal CF, RC Celta de Vigo, UD As Palmas, Levante UD, CF Reus Deportiu, Gimnàstic de Tarragona, RCD Mallorca (con carácter excepcional, pese ao descenso do primeiro equipo a Segunda B e debido ao seu compromiso e interese), Rayo Vallecano, Girona CF, Córdoba CF e SD Huesca.