RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor, da pista do aeroporto ao céspede da Cidade Deportiva

Nada máis aterrar pasadas as 13:15 no Aeroporto da Coruña o avión que trasladaba ao RC Deportivo desde Tenerife, o cadro dirixiuse á Cidade Deportiva para realizar un novo adestramento, que arrincou ás 14:10.

Só saltaron ao céspede os futbolistas que non actuaron onte de inicio no Heliodoro Rodríguez López. Os lesionados Nolaskoain e Keko Gontán exercitáronse co readaptador Fran Molano. Non estivo xa Koné, que decidiu onte, 30 de xuño, pór punto final á súa relación contractual co Club; e Álex Cobo, por fin de contrato. O ex capitán do Fabril márchase despois de 4 temporadas no filial e de axudar con dedicación e profesionalidade ao primeiro equipo sempre que foi requirida a súa presenza.

Nunha sesión dirixida polos preparadores físicos Manuel Pombo e José Ángel Franganillo, houbo un quecemento con rondos, un exercicio de posesión e fútbol en espazo reducido, todo iso no campo 2 da Cidade Deportiva.

Os xogadores que foron titulares ante o CD Tenerife quedaron no ximnasio, con tarefas de recuperación; ademais de realizar un traballo coas bicicletas estáticas cedidas por Coruña Sport Centre. Para concluír, todos eles pasaron pola padiola dos fisioterapeutas.

Mañá xoves haberá xornada de descanso. O equipo volve aos adestramentos o venres 3 de xullo ás 11:00 en Abegondo.