RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor debuta en Copa con toda a emoción da competición (3-4)

A domicilio, a partido único e contra un rival da mesma categoría, pero do outro grupo. Así afrontaba o Dépor o debut na Copa do Rei 2021-2022 fronte ao UCAM Murcia no Estadio da Condomina, antiga sede de encontros contra o Real Murcia, actual casa do UCAM. Borja Jiménez apostou por un once completamente renovado desde a portería, onde debutou o canteirán Pablo Brea, até a punta de ataque con Noel como referencia.

Superado o primeiro minuto chegou a primeira aproximación branquiazul cun lanzamento de Mario Soriano con perna dereita ao lateral da rede local. No 5 Noel non puido conectar un centro letal de Aguirre após gran combinación con Menudo. Si puido disparar William, pero o tiro coa destra marchóuselle alto.

A primeira aproximación local chegou nun tímido centro blocado abaixo sen problemas por Pablo Brea. O seu homólogo interveu por primeira vez, en dous tempos, após un remate de cabeza de Borja Granero a centro lateral. Noel tivo de novo a ocasión repetida após unha gran triangulación entre Calaera, Soriano e Menudo, pero esta vez o centro raso levaba demasiada velocidade para o remate do de Silleda.

A primeira estirada de Brea chegou xusto á media hora para blocar un bo disparo de Alberto Fernández sobre a liña da frontal da área.

Unha xogada embarullada con Soriano e Noel como protagonistas en área local e que terminou cun despexe que caeu aos pés de William de Camargo serviu ao brasileiro para fusilar desde case o punto de penalti a Unai Agirre e pór o 0-1 no marcador. Pouco durou a alegría celebrada con baile por de Camargo porque un cálculo erróneo na saída de Pablo Brea deixou só ante a portería a Johan que non perdoou para reestablecer a igualdade no marcador en menos dunha xogada.

Manu Garrido, reclamando carga de Borja Granero, rematou a primeira do segundo tempo a escasos centímetros do traveseiro de Brea. Un Pablo que levou o man a man fronte ao mesmo xogador após zafarse dun agarrón de Trigueros.

Calavera fixo usar a cara a Unai Agirre para desviar a estrea deportivista en área rival após a continuación. Coa man sacou un centro envelenado de Trilli que se ía cara adentro e que tamén acabou en córner. Polo mesmo costado, pero esta vez por raso, púxoo a proba Noel, con idéntico final da xogada.

O que non perdoou foi o UCAM cun zapatazo de Josema desde fóra da área que adiantou aos locais camiño do minuto 70. Máis contundente foi se cabe Alberto Quiles que, nada máis saltar ao campo, mandou o primeiro balón que tocou ao fondo da portería após un gran centro con rosca de Rafa de Vicente.

Un centro similar de Josema e remate de cabeza de Alberto marchouse desviado na mellor ocasión local para volver adiantarse no marcador. Yeremay, que hoxe debutou tamén co primeiro equipo, tivo unha boa ocasión nada máis ingresar ao campo e outra mellor no 89 pero o xemelgo dun defensa cruzouse entre o balón e a portería para desviar a saque de esquina.

Na prórroga, a primeira do Dépor pareceuse á inicial do partido, con centro de Aguirre e balón que cortou a defensa antes do remate de Noel. Quiles en xogada persoal puido desfacer o igualada pero o seu remate con demasiados defensas encima foise desviado. Máis preto do pau mandouna Noel tamén en acción individual que puido romper as táboas nunha primeira parte da prórroga con clara cor branquiazul.

Xusto cando o árbitro ía a pausar a prolongación apareceu o xogador que desequilibrou o tempo extra: Yeremay. En xogada persoal anotou o 2-3 e un centro seu puxo o balón na cabeza de Quiles para o 2-4 batendo a contrapié a Agirre. Para facelo atractivo para o afeccionado, non podía faltar a emoción dos instantes finais co gol de Manu Garrido que se adiantou no primeiro pau ao gardameta do Dépor para pór suspense ao pase a segunda rolda do Dépor que, en Murcia, tivo claro acento do sur coa actuación de Quiles e Yeremay. Agora toca esperar rival e sede do partido que se disputará dentro de dúas semanas.

UCAM Murcia: Unai Agirre, Johan (Víctor, min. 77), Charlie Dean, Alberto Fernández, Tropi (Armando, min. 69), Nuha Marong (Manu Garrido, min. 46), Caballero, Farrando Stiepovich, Admonio (Chacartegui, min. 46), Josema (Malagón, min. 102) e Ramón Martínez (Xemi, min. 92).

RC Deportivo: Pablo Brea, Trilli, Trigueros, Borja Granero, Diego Aguirre, Calavera, Rafa de Vicente, William (Álex Bergantiños, min. 89), Menudo (Yeremay, min. 69), Mario Soriano (Quiles, min. 73) e Noel (Alberto Benito, min. 112).

Goles: 0-1 William (min. 39); 1-1 Johan (min. 40), 2-1 Josema (min. 64); 2-2 Quiles (min. 73); 2-3 Yeremay (min. 105); 2-4 Quiles (min. 109); 3-4 Manu Garrido (min. 116).

Árbitro: Bestard Severa (c. Balear). Amonestó a Menudo (min. 28), Johan (min. 57), Charlie Dean (min. 108), Malagón (min. 110), Quiles (min. 113) y los técnicos del UCAM: Diego Rodríguez (min. 47), Jesús Ballester (expulsión min. 55) e Salva Ballesta (min. 116).

Incidencias: partido da primeira eliminatoria da Copa do Rey disputado no Estadio de La Condomina (Murcia) ante 2.320 espectadores, con presenza de afeccionados branquiazuis nas bancadas.