RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor dilúese en Vitoria (1-0)

O Deportivo afrontaba un partido fundamental en Mendizorrotza para engancharse á loita por eludir a zona de descenso e non conseguiu puntuar en terras vascas após un partido no que se foi diluíndo a pesar de xogar a primeira parte de ti a ti ao equipo local.

Clarence Seedorf aliñou no seu segundo partido á fronte do Dépor, o primeiro a domicilio, o mesmo once do debut ante o Betis, co cambio obrigado de Guilherme polo lesionado Fede Valverde. Antes do partido, quedaron sen vestir Çolak, Valle e Valentín.

Despois de cinco minutos de tenteo, a primeira gran ocasión foi para os locais cun zapatazo de Rubén Duarte ao traveseiro, após recibir só na frontal da área pequena un balón tocado de cabeza por Ibai Gómez. Na xogada seguinte, Guidetti mandouna fora disparando desde a frontal.

No 10 tívoa o Dépor nunha falta colgada por Guilherme, servida de cabeza por Andone e rematada por Albentosa que acabou desviando a defensa ao primeiro córner do partido. Ocasión clara, como da que dispuxo Andone cinco minutos despois cun centro de Bakkali que non foi capaz de rematar case sobre a liña de gol o dianteiro internacional branquiazul.

Nin á terceira foi a vencida. Unha espectacular contra de Adrián após pór rápido o balón en xogo á saída dun córner, estivo a piques de supor o gol do Dépor. A asistencia para Bakkali acabou cun remate colocado que se estrelou no poste da portería defendida por Pacheco.

O propio Bakkali, de novo recibindo dun omnipresente Adrián, disparou alto desde a frontal ao paso do minuto 30, despois de que o Dépor conseguise facerse co mando do partido superados os primeiros 10 minutos de sufrimento.

No último cuarto de hora a intensidade rebaixouse  por ambos os bandos, sen ocasións de excesivo perigo.

En área deportivista, Pedraza tentou o mesmo que Bakkali logrando o mesmo resultado, non atopar o marco de Rubén. Do mesmo xogador local foi a última ocasión da primeira parte, un tiro cruzado que puxo punto final aos primeiros 45 minutos.

Como no arranque, os dez minutos iniciais da continuación o balón e as oportunidades, non excesivamente claras, tívoas o Alavés por mediación de Munir, Duarte e Pedraza. En cambio, esta vez o dominio prolongouse e materializouse cunha xogada persoal na frontal da área e un disparo de Munir con parábola que se coou na portería deportivista.

A reacción desde o banco chegou coa substitución de Krohn-Dehli por Mosquera, cun Dépor ao que lle custou un mundo chegar á área rival. Houbo que esperar case ao 77 para que sucedese cunha parede entre Andone e Lucas, abortada pola defensa, activando unha contra que acabou estrelada no pau da portería de Rubén.

Entremedias, Cartabia ocupara a posición de Bakkali. O último movemento de banco foi a entrada ao campo de Borges por Bóveda a menos de 10 minutos para o final.

Hernán e Sobrino estiveron a piques de matar o partido a cinco do final, pero non conseguiron empuxar o centro chute após a contra local.

O Dépor tratou de atacar no desenlace, pero sen volver disparar a portería, facendo imposible polo menos o empate en casa do Alavés.

Deportivo Alavés: Pacheco, Duarte, Laguardia, Ely, Martín, Manu García, Tomás Pina, Pedraza, Ibai Gómez (Hernán Pérez, min. 81), Munir (Medrán, min. 87) e Guidetti (Sobrino, min. 72)

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Bóveda (Borges, min. 81), Luisinho, Guilherme, Krohn-Dehli (Mosquera, min. 64), Bakkali (Fede Cartabia, min. 74), Lucas, Adrián e Andone

Goles: 1-0 Munir (min. 61)

Árbitro: Melero López (c. andaluz). Amoestou a Krohn-Dehli (min. 37), Bakkali (min. 68), Luisinho (min. 81), Munir (min. 87), Sobrino (min. 90+3)

Incidencias: partido da 24ª xornada de LaLiga Santander disputado no estadio de Mendizorrotza ante 19.453 espectadores