RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O Dépor é un equipo histórico. Tomei unha boa decisión", sostén Christian Santos

Christian Robert Santos Freire (Puerto Ordaz, Venezuela, 24 de marzo de 1988) superou esta tarde o recoñecemento médico no Hospital HM Modelo da Coruña e converteuse para todos os efectos en novo xogador do Deportivo para as dúas próximas temporadas, con opción dunha terceira campaña como branquiazul.

Nas súas primeiras declaracións aos medios de comunicación da Coruña, no citado centro médico coruñés, o dianteiro venezolano explica o porqué do seu paso de Primeira co Alavés a Segunda División na Coruña: "O Dépor é un equipo histórico. Foi unha das razóns para vir acá". "Este equipo é un gran equipo, ten historia. Gañou a liga, gañou copas, mesmo estivo en Champions. Tomei unha boa decisión vir", engade.

Opina que foi "algo duro" para o Deportivo "baixar de categoría. O obxectivo é claro, subir outra vez a Primeira".

Sostén que tralo vivido a temporada pasada, "agora hai que pasar páxina e enfocarse a subir".

Fisicamente advirte que "me atopo bastante ben. Estiven en Los Ángeles dúas semanas adestrando co meu preparador físico. Gústame estar preparado. Chego ben".

Non lle asusta o reto de cumprir as esixencias postas nel e marcar goles: "É a tarefa dun dianteiro. Se cada un pon o seu granito de area podemos lograr boas cousas".

Iso si, prefire non falar de cifras concretas e si de "moitos goles. Se todo vai ben, se cada quen cumpre o seu rol poderei marcar bastantes goles".

Christian destaca como unha das súas virtudes o xogo aéreo: "Gústame rematar coa cabeza. Teño outras virtudes tamén. Gústame facer dobre pase, estar preto da área..."

O seu camiño, indica o novo dianteiro deportivista, é repetir os seus números en Holanda, cando nas filas do NEC Nimega anotou 18 goles en 33 partidos xogados na temporada 2015-16: "Quixera repetir o que fixen en Holanda. Os dous anos pasados (no Alavés) foron un pouco complicados. Un madura nestas circunstancias e agora véxoo de modo positivo".

Confesa que Carmelo do Pozo, Director Deportivo do Club, "foi o que contactou comigo. Falou co meu representante e é o artífice principal de que estea acá".