RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor encara con todos os seus dispoñibles e o fabrilista Adri Castro o choque ante a UP Langreo

O Deportivo encara con todos os seus xogadores dispoñibles, 19 en total, e o dianteiro fabrilista Adri Castro o encontro de mañá domingo en ABANCA-RIAZOR ante a UP Langreo (19:00 horas, TVG-2), correspondente á 5ª xornada no grupo 1D de Segunda División B. Quedan fóra da convocatoria os lesionados Derik, Borja Galán e Keko.

Preguntado onte Rubén de la Barrera pola ausencia deste último, manifestou que "pretendo sacar o máximo rendemento dun cadro de xogadores que teño onde sinto que todo o mundo está concienciado da oportunidade que supón esta fin de semana. E xogar en ABANCA-RIAZOR onde estamos a lograr resultados moi positivos fai que sexa optimista. Teño claro que o que xogue aí (na súa posición) vaino a facer ben".

Coa mirada de esguello ao Racing de Ferrol - CD Numancia desta tarde na Malata, o Dépor necesita si ou si o tres puntos ben para certificar a súa presenza a próxima temporada na Primeira RFEF (caso dunha vitoria racinguista ou un empate); ou ben para chegar á última xornada do subgrupo 1D en Soria, o domingo 9 de maio ás 12:00, nas mellores condicións clasificatorias (se o CD Numancia vence en Ferrol).

Esta mañá, na última sesión de traballo celebrada en Abegondo, o técnico coruñés dispuxo dun traballo de posesión, un exercicio táctico e, para concluír, un partido no campo 2.

Finalizado o choque ante a UP Langreo, o cadro está citado para adestrar de novo en Abegondo o luns 3 de maio ás 10:30 horas.