RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor Genuine iniciou a súa participación na cuarta edición de LaLiga Genuine a pasada fin de semana en Las Palmas de Gran Canaria

O Dépor Genuine comezou a súa participación en LaLiga Genuine 2021-2022 con dúas vitorias e unha derrota, na xornada da pasada fin de semana que serviu para abrir a cuarta edición da única liga de fútbol no mundo para persoas con discapacidade intelectual.

A Ciudad Deportiva UD Las Palmas, en Barranco Seco, dentro do termo municipal de Las Palmas de Gran Canaria, acolleu dúas intensas xornadas de fútbol o sábado 2 e o domingo 3, ademais do acto inaugural o venres 1, no que participou a lenda deportivista Juan Carlos Valerón, e a entrega de trofeos o mesmo domingo.

O Dépor Genuine comezou caendo ante o Fundació Futbol Base Reus (1-2) no seu partido matinal do sábado. Na xornada vespertina, os branquiazuis impuxéronse por 2 cuartos a 1 ao Real Betis Balompié. Xa na matinal do domingo, o Dépor Genuine mediuse á Fundación Albacete, ao que derrotou por 2-1.

Os resultados cultivados polo Dépor Genuine foron os seguintes:

Sábado 2 de abril
FUNDACIÓ FUTBOL BASE REUS 2 - DÉPOR GENUINE 1
DÉPOR GENUINE 2 - REAL BETIS BALOMPIÉ 1

Domingo 3 de abril
DÉPOR GENUINE 2 - FUNDACIÓN ALBACETE 1

Con estes marcadores, o Dépor Genuine ocupa a sétima praza do Grupo Compañerismo con 7 puntos, dous menos que o trío de líderes que compoñen Fundación Club Atlético de Madrid, Sevilla FC e Fundació Barça.

A segunda xornada de LaLiga Genuine 2021-22 terá dúas sedes, Málaga (13, 14 e 15 de maio) e Cádiz (20, 21 e 22 de maio). O Dépor Genuine tomará parte na competición unha desas fins de semana, antes da xornada definitiva, os días 3, 4 e 5 de xuño nas Instalacións de Lezama, cidade deportiva do Athletic Club.

O respecto, o compañeirismo e a deportividade foron os verdadeiros protagonistas destas xornadas, nas que participaron un total de 24 dos 42 equipos inscritos esta temporada, conformados por máis de medio centenar de persoas entre xogadores, xogadoras e corpos técnicos. Así mesmo, numerosos amigos, familiares e afeccionados non quixeron perderse esta cita tan especial.