RCD / NOVAS

O Dépor Genuine participará en LaLiga Genuine por cuarta temporada

02/12/2021 18:18

As cidades de Málaga, Cádiz, Las Palmas de Gran Canaria, Xixón e Bilbao acollerán a temporada 2021-22 de LaLiga Genuine Santander, que contará unha vez máis coa participación do RC Deportivo.

Despois da suspensión por razóns sanitarias da temporada 2020-21, a campaña 2021-22 será a cuarta da historia deste torneo, cuxa primeira edición, no curso 2017-18, xa contou co RC Deportivo como un dos 30 conxuntos participantes.

Os 42 equipos inscritos, entre os que estará o RC Deportivo, dirixido por Lucía Otero e Carlos García, elevan a máis de 1.000 o número de participantes entre xogadores, xogadoras e compoñentes dos corpos técnicos.

Na temporada 2021-22 disputaranse un total de 189 partidos repartidos en tres fases.

A primeira fase dividirase en dúas sedes. A primeira, o 28, 29 e 30 de xaneiro, cando a Fundación Málaga CF acollerá á metade dos equipos no Estadio de La Rosaleda, con motivo do 80º aniversario do recinto. A segunda, os días 25, 26 e 27 de febreiro, contará co Cádiz CF como club anfitrión e recibirá aos restantes conxuntos na Ciudad Deportiva Bahía de Cadiz.

Os anfitrións da segunda fase serán a UD Las Palmas, os días 1, 2 e 3 de abril na Ciudad Deportiva Barranco Seco, e o Real Sporting de Gijón os días 22, 23 e 24 de abril na Ciudad Deportiva de Mareo, tamén coa metade dos equipos repartidos en cada unha das sedes.

O broche de ouro chegará da man do Athletic Club Fundazioa como anfitrión. A Ciudad Deportiva de Lezama será o escenario da gran fase de peche da temporada 2021-2022 de LaLiga Genuine os días 3, 4 e 5 de xuño, onde se reunirán todos os conxuntos e coñecerase aos campións nas categorías de Compañeirismo, Deportividade e Fair Play.