RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor Genuine puxo fin en Salou á súa participación en LaLiga Genuine 2019-2020

O Dépor Genuine pechou a súa participación en LaLiga Genuine 2019-2020 cunha vitoria e dúas derrotas, na xornada da pasada fin de semana que serviu para concluír o campionato de hai dúas temporadas despois de case 21 meses de parón debido á pandemia de COVID-19.

O Complex Esportiu Fútbol Salou, en Tarragona, acolleu a xornada final, ademais do acto de clausura e entrega de trofeos de LaLiga Genuine 2019-20.

O Dépor Genuine comezou impoñéndose ao Real Sporting de Gijón (1-2) no seu partido matinal do sábado, grazas aos goles de Álex Rey e Miguel no primeiro cuarto (0-2) e do propio Álex Rey no terceiro (0-1). Na xornada vespertina, o equipo anfitrión, o Nàstic, impúxose aos branquiazuis polo mesmo marcador: 2 cuartos a 1. Miguel e Álex Rey deron o punto do primeiro cuarto ao Dépor Genuine (0-2). As derrotas no segundo (5-0) e cuarto (2-0) período deron o triunfo aos locais, despois do empate (1-1) no terceiro, con tanto de Chema.

Xa na matinal do domingo, o Dépor Genuine mediuse ao Córdoba CF, ante o que caeu por 1-3. Comezaron golpeando os andaluces (0-3), igualando os deportivistas ao impoñerse no segundo cuarto (2-0) cun dobrete de Cives. O equipo verdibranco gañou o terceiro por 0-2 e no último e decisivo período tamén venceu (1-5), sendo o gol coruñés obra de Álex Rey.

Os resultados cultivados polo Dépor Genuine foron os seguintes:

Sábado 13 de novembro
REAL SPORTING DE GIJÓN 1 - DÉPOR GENUINE 2
GIMNÀSTIC DE TARRAGONA 2 - DÉPOR GENUINE 1

Domingo 14 de novembro
DÉPOR GENUINE 1 - CÓRDOBA CF 3

Os branquiazuis sumaron un total de nove goles, tres en cada partido, obra de Álex Rey -4-, Miguel -2-, Cives -2- e Chema.

O respecto, o compañeirismo e a deportividade foron os verdadeiros protagonistas destas xornadas, nas que participaron un total de 42 equipos, conformados por máis de mil persoas entre xogadores, xogadoras e corpos técnicos. Así mesmo, numerosos amigos, familiares e afeccionados non quixeron perderse esta cita tan especial.

Ademais dos 36 equipos que conformaban esta liga antes da súa suspensión en marzo de 2020, esta fin de semana estreáronse os seis equipos que se incorporan de cara á temporada 2021-22: Fundació Barça, SD Ponferradina, CF Fuenlabrada, Burgos CF, FC Cartagena e UD Ibiza, quen acudiron como convidados para disputar un torneo amigable.

Os tres gañadores da temporada 2019-2020 foron Córdoba CF, Fundación Rayo Vallecano e Athletic Club Fundazioa. O Córdoba CF fíxose co trofeo de campión do grupo Compañerismo, con 18 puntos. Pola súa banda, a Fundación Rayo Vallecano alzou o trofeo de campión do grupo Deportividad ao conseguir un total de 18 puntos. O Athletic Club Fundazioa proclamouse campión do Fair Play con 269 puntos pola súa deportividade, respecto e xogo limpo.