RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor leva a todos os dispoñibles para a cita de mañá domingo en Langreo

O Deportivo leva a todos os seus xogadores dispoñibles, vinte, ao encontro de mañá domingo 11 de abril no Nuevo Ganzábal ante o UP Langreo (17:00 horas, Footters).

Coa mirada de esguello no CD Numancia - Racing de Ferrol de mañá domingo ás 12:00 en Los Pajaritos, o Deportivo defende o liderado do grupo 1D de Segunda División B con 32 puntos. Os ferroláns suman 30 na segunda praza mentres que os casteláns son terceiros con 28 puntos.

Rubén de la Barrera recupera a Uche, que se perdeu por sanción o encontro ante o Marino de Luanco en ABANCA-RIAZOR, pero non pode contar neste segundo choque cos lesionados Derik Osede e Borja Galán, este no bíceps femoral da súa perna dereita.

Onte, en rolda de prensa en Abegondo, o técnico coruñés referiuse aos futbolistas con menos minutos de xogo, especialmente Nacho González: "A min o de Nacho, a súa mentalidade e o seu día a día prodúceme admiración. Non é cuestión de que Nacho adestre un día si ou un día non; unha semana estea máis enchufado e outra non o estea tanto en base á súa participación, que agora mesmo non existe. Que unha persoa chegue aquí todos os días cun sorriso, cunha predisposición total e absoluta, que adestre como o fai e que aperte aos compañeiros para que o nivel do equipo vaia en aumento faime sentir a min admiración absoluta por el".

É máis, desexa o adestrador branquiazul que "poidan aparecer momentos para que este tipo de xogadores teñan presencia pero non como premio. Estamos a falar dun xogador (Nacho González) que ten nivel pero agora mesmo estamos a asentar cousas e tampouco é cuestión de volvernos tolos á hora deste tipo de decisións. Se o domingo Nacho ten que participar ou participa, estou convencido que vai ofrecer un nivel óptimo seguro. Síntoo con el e con todos os integrantes do cadro".

Na sesión desta mañá entre os campos 2 e 3 da Cidade Deportiva, hoxe tamén cos fabrilistas Adri Castro e Juan Rodriguez, o Deportivo realizou unha tarefa de defensa de área, un exercicio táctico de defensa-ataque e un partido para concluír.

Finalizado o encontro en Langreo, o equipo adestrarase de novo o luns 12 de abril ás 10:30 en Abegondo.