RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor leva mañá sábado a Ferrol a todo o seu cadro salvo Miku

O Deportivo encara a visita de mañá sábado 20 de febreiro (19:00 horas, TVG) ao Racing de Ferrol na Malata con todo o seu cadro.

Só queda fóra Miku, que se recupera dunha sobrecarga na musculatura aductora. O dianteiro branquiazul adéstrase estes días co readaptador, Fran Molano, no seu proceso de readaptación física.

Ademais, Adri Castro, que traballou esta semana co primeiro equipo, farao mañá sábado co Fabril na última sesión do equipo de Juan Carlos Valerón previa ao partido en Arzúa do domingo 21. Do futbolista de #ANOSACANTEIRA falou Rubén de la Barrera en rolda de prensa: "No tema destes rapaces pódese falar desde a verdade ou a priori o que a xente pretende escoitar. Eu quero que toda esta serie de rapaces teñan a maior presenza posible no primeiro equipo e que ofrezan rendemento de verdade. E quero axudarlles. Estou a esperar a que rompan a porta. É así de sinxelo. Aquí as cousas hai que merecelas".

Asegura ademais que en Adri Castro "teño moitísima confianza que vai ser un xogador moi importante para o Deportivo. Estamos en camiño de que iso suceda. Mentres tanto ten que facer aínda moito máis ruído. Eu esíxolle porque sei que é capaz de ofrecerme o que me está ofrecendo multiplicado por dez. E como eu espero ese rendemento, niso estamos".

No adestramento de hoxe, Rubén de la Barrera dispuxo dous exercicios tácticos e un partido no campo 3. A xornada finalizou con ensaio de accións a balón parado, unha faceta que o técnico deportivista coida especialmente os días previos a cada partido e á que se referiu o técnico coruñés na súa comparecencia ante os medios informativos: "Temos bos lanzadores, temos xente que na área rival fai dano pero iso non se está traducindo en goles. Iso é así. Esperamos que con adestramento no partido teñamos a opción de poder dicir que o balón parado achega goles", apunta.

Nesta liña, tamén advirte Rubén de la Barrera que o Racing de Ferrol "no balón parado ofensivo ten xente poderosa".

Concluído o encontro na Malata mañá sábado, o Deportivo adestrarase de novo o domingo 21 ás 11:00 en Abegondo.