RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor non materializa o seu dominio en goles e deberá remontar na volta en Riazor (1-0)

O Deportivo debutou esta tempada en Copa do Rei con derrota pola mínima ante o Betis no Benito Villamarín (1-0). Os branquiazuis, hoxe de gris, non foron capaces de materializar en goles o seu dominio durante todo o partido, mentres que os locais transformaron unha das poucas chegadas á área do Dépor ao longo de todo o partido para pór o resultado definitivo no marcador.

Gaizka Garitano probou un sistema de inicio con cinco defensas, dous centrocampistas de contención, dúas de ataque e dous dianteiros, ademais de dar os primeiros minutos da tempada a Rubén baixo os paus e ao capitán Álex Bergantiños en en centro do campo.

O arranque do partido foi de total tenteo entre ambos os equipos, tocando balón con calma e con tan só unha aproximación á área por parte do equipo local.

Tras case 20 minutos de xogo lento, o Betis conseguiu meter unha marcha máis para xerar a xogada do primeiro gol do partido. Un centro desde a esquerda de Durmisi acabou no fondo da portaría deportivista tras o remate de cabeza de Sanabria, ante o que nada puido facer Rubén.

Reaccionou o Dépor cunha recepción de Marlos a pase de Bergantiños na frontal da área que o colombiano, presionado por dous defensas, rematou ás nubes. Mellor foi a ocasión de Juanfran dous minutos despois. O madrileño pegoulle á escuadra pero o porteiro local, Dani Giménez, cunha gran estirada, conseguiu desviar a córner.

O Betis puido facer o segundo tras unha contra. Na chegada á área o balón rebotó en Sidnei e Mosquera para quedar franco para o disparo do Betis. Unha providencial perna de Luisinho serviu para mandar a saque de esquina. Precisamente desde o córner tivo o Dépor a súa segunda gran ocasión. O centro de Carles Gil, rematado ben por Sidnei, foise lixeiramente desviado da portaría de Giménez.

A partir de aí o partido volveu aos camiños do primeiro terzo, con dominio do Deportivo, xogo lento e ningunha ocasión de perigo en área rival.

Tras a continuación continuou o domino do Dépor, que meteu atrás ao Betis aínda que houbo que esperar ao minuto 8 para que chegase a primeira ocasión clara, un disparo de Luisinho desde a frontal que se marchou lixeiramente desviado. Xusto antes reclamara un posible penalti que De Burgos Bengoetxea non considerou como tal.

Máis dun cuarto de hora tardou o Betis en chegar, cun remate forzado e frouxo de Sanabria que atrapou sen problemas Rubén.

Unha das boas noticias do partido foi o regreso de Joselu aos terreos de xogo no minuto 67 substituíndo a Marlos Moreno. Sensacións que melloraron co seu primeiro remate a quince minutos para o final, un croque que se marchou preto do pau da meta bética.

O dominio deportivista do xogo no segundo tempo non se materializou en ocasións, salvo un tiro de Navarro a sete do final, nin goles e tras un partido de difícil dixestión para os afeccionados, o Betis acabou a primeira parte da eliminatoria cunha vantaxe mínima que o Dépor deberá remontar antes de Nadal en Riazor.

Real Betis: Giménez, Piccini, Mandi, Donk, José Carlos, Durmisi, Brasanac (Fabián, min. 86), Jonas Martin (Bruno, min. 64), Gutiérrez, Álex Alegría e Sanabria (Joaquín, min. 64).

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Navarro, Luisinho, Álex (Borges, min. 75), Mosquera (Guilherme, min. 46), Carles Gil, Marlos (Joselu, min. 68) e Andone

Goles: 1-0 Sanabria (min. 19).

Árbitro: De Burgos Bengoetxea (C. Vasco). Amoestou a Jonas Martin (min. 36), Álex Bergantiños (min. 73), Luisinho (min. 79) e Brasanac (min. 86).

Incidencias: partido de ida dos 1/16 de final da Copa do Rei disputado no Benito Villamarín ante 18.774 espectadores.