RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor non pode coa contundencia do Real Madrid (0-3)

O Deportivo iniciou LaLiga Santander 2017-2018 cunha derrota en casa ante o actual campión, un Real Madrid que acertou nos seus dous primeiros disparos a porta despois de que os herculinos desaproveitasen dúas claras ocasións cando o 0-0 aínda brillaba no marcador.

Pepe Mel, técnico deportivista, non puido contar con Emre Çolak, cunha sanción por acumulación de amoestacións arrastrada da campaña pasada; Fede Valverde, debido ao seu contrato de cesión por parte do Real Madrid; e Carles Gil, lesionado. O adestrador branquiazul deu a alternativa en partido oficial a dous homes: o suízo Fabian Schär e o belga Zakaria Bakkali.

Aos seis minutos, Florin Andone dispuxo da primeira oportunidade clara. O dianteiro romanés gañou o seu duelo a Carvajal nun pase en profundidade de Celso Borges. Un tanto escorado á esquerda, buscou coa súa bota dereita o segundo pau da portería de Keylor Navas, que adiviñou a súa intención e rexeitou o disparo.

Dous minutos despois, de novo Andone gozou dun man a man co gardameta costarriqueño. O ariete branquiazul tentou batelo entre as súas pernas, pero o porteiro tamén lle gañou a partida e desviou a córner. No saque de esquina, Bakkali cabeceou por riba do traveseiro tras superar no salto a Marcelo.

Recentemente superado o cuarto de hora foi Guilherme quen o tentou de lonxe. O mediocentro recolleu un rexeite ao bordo da área dunha falta colgada polo mesmo e empalmou unha volea que se marchou alta por escasos centímetros.

No minuto 20, os brancos adiantáronse no marcador. Luka Modrić disparou desde a frontal, Rubén non puido atrapar o esférico e o balón caeu a pés de Karim Benzema. O francés cun toque sutil atopou no segundo pau a Gareth Bale completamente só para marcar a porta baleira.

Na seguinte oportunidade na que se achegou a Rubén, o Real Madrid anotou o 0-2. O tanto chegou nun centro de Marcelo desde a esquerda que, no corazón da área pequena, remachou Casemiro.

Ata os últimos dez minutos do primeiro tempo non volveron producirse achegamentos perigosos. No minuto 37, Andone rematou de cabeza, alto, un centro tépedo de Luisinho desde a esquerda. A ocasión repetiuse cinco minutos despois, esta vez nun servizo de Juanfran desde o extremo dereito.

Coa sensación dun inxustísimo marcador chegouse ao intermedio.

A segunda metade arrancou cos mesmos 22 protagonistas e cun Real Madrid tratando de conxelar o partido ao máximo posible. Ata que nunha acción na que Modrić tirou o balón fóra por lesión de Bakkali, Sergio Ramos encarouse con Pedro Mosquera e posteriormente agrediu a Fabian Schär. O colexiado castigou a acción do capitán madridista cun cartón amarelo.

No minuto 59, Casemiro sacou baixo paus unha cabezada de Andone, con Keylor Navas totalmente batido. Dous minutos máis tarde, Bale lanzou un lonxano libre directo contra o portal de Rubén, que atallou con seguridade o disparo do galés.

De inmediato produciuse o terceiro tanto madridista, obra de Toni Kroos. O alemán bateu a Rubén despois de que o seu centrado disparo rozase en Schär e descolocase por completo ao porteiro deportivista.

O Dépor non veu abaixo, todo o contrario. Os branquiazuis estiveron a piques de acurtar distancias de inmediato. Con todo, o sorprendente lanzamento de Guilherme, escorado dentro da área, topouse co traveseiro.

No tramo final, Andone gozou dunha boa oportunidade nun contragolpe conducido por Borja Valle e Asensio estivo a piques de facer o cuarto nun libre directo que despexou Rubén.

A mellor oportunidade do Deportivo chegou nun penalti cometido por Carvajal sobre Bruno Gama. O encargado de lanzalo foi Andone. Keylor Navas adiviñou o disparo mordido do romanés cara á esquerda do lanzador, desviando a saque de esquina coas xemas dos seus dedos. Corría o minuto 89.

Xa no tempo engadido, Sergio Ramos viu a segunda cartolina amarela tras saltar co cóbado por diante nun duelo aéreo con Borja Valle.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho, Pedro Mosquera, Guilherme, Borges (Adrián, min. 65), Fede Cartabia (Borja Valle, min. 79), Bakkali (Bruno Gama, min. 54) e Andone.

Real Madrid: Keylor Navas, Carvajal, Sergio Ramos, Nacho, Marcelo, Kroos, Casemiro (Marcos Llorente, min. 72), Modrić, Bale (Lucas Vázquez, min. 80), Benzema e Isco (Asensio, min. 66).

Goles: 0-1 Bale (min. 20); 0-2 Casemiro (min. 27); 0-3 Kroos (min. 62).

Árbitro: González González (c. castelán-leonés). Expulsou a Sergio Ramos (min. 90+2) por dobre amoestación. Cartón amarelo a Bakkali (min. 24), Schär (min. 53), Sergio Ramos (min. 53), Modrić (min. 57), Fede Cartabia (min. 60), Pedro Mosquera (min. 84) e Andone (min. 87).

Incidencias: partido correspondente á 1ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 27.801 espectadores. Antes do encontro gardouse un minuto de silencio en memoria dos asasinados nos atentados en Barcelona e en recordo de Manolo Loureda, xogador deportivista durante toda a súa carreira profesional (12 temporadas), falecido recentemente.