O Dépor pecha a pretemporada sen derrotas e con claro balance goleador positivo
O Deportivo puxo o punto final á pretemporada coa disputa onte sábado ante o Real Oviedo do Trofeo Vila de Foz.
Foron en total 7 partidos con rivais de Primeira División (Valladolid), Segunda División (Lugo e Oviedo), Segunda División B (Ponferradina, UP Langreo e Fabril) e Terceira División (Bergantiños).
O balance foi satisfactorio, con 4 vitorias, 3 empates e 0 derrotas. Os branquiazuis anotaron 14 dianas e encaixaron 5 goles.
Natxo González, técnico deportivista, repartiu minutos entre todo o seu cadro e mesmo deu xogo a fabrilistas como, por orde de minutos disputados: Diego Caballo, Uxío, o xuvenil Mujaid, Blas e Quique Fornos.
Os únicos contratempos, aínda que xa practicamente liquidados, foron as lesións de Christian Santos, que só puido xogar os 2 primeiros partidos; ou de Gerard Valentín, cuxas molestias musculares lle impediron participar nos primeiros duelos do verán, aínda que xa está integrado na dinámica de grupo desde hai unhas semanas.
O gol tamén estivo repartido. Os máximos artilleiros, con 2 goles, foron Fede Cartabia, Borja Valle, Pedro Sánchez e Uxío. Tamén estrearon a súa conta goleadora: Guilherme, Carles Gil, Quique González, Diego Caballo e Domingos Duarte.
Estes foron os resultados do Dépor nesta pretemporada:
Sábado 21 de xullo, Cidade Deportiva de Abegondo: Fabril 1 - Dépor 3 (Fede Cartabia, Pedro Sánchez e Carles Gil) Mércores 25 de xullo, As Eiroas: Bergantiños 0 - Dépor 3 (Guilherme, Uxío e Quique González) Sábado 28 de xullo, O Toralín: SD Ponferradina 1 - Dépor 1 (Borja Valle) Mércores 1 de agosto, A Devesa (Bembibre): Real Valladolid 1 - Dépor 1 (Fede Cartabia) Sábado 4 de agosto, Cantarrana (Viveiro): UP Langreo 0 - Dépor 3 (Borja Valle, Caballo e Uxío) Mércores 8 de agosto, Anxo Carro: CD Lugo 1 - Dépor 2 (José Carlos en propia meta e Pedro Sánchez) Sábado 11 de agosto, Municipal de Foz: Real Oviedo 1 - Dépor 1 (Domingos Duarte)