RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor pecha a temporada con derrota en Soria (1-0)

Cinco cambios realizou Rubén de la Barrera con respecto ao partido anterior, boa parte deles obrigados polas ausencias por problemas físicos de parte dos xogadores branquiazuis. O regreso de Abad á portería, a recolocación de Bóveda no centro da zaga por Mujaid para que Valin percorrese o carril destro e Salva o esquerdo en lugar de Héctor, xunto á titularidade de Borges en detrimento de Lara e Adri Castro arriba por Miku, foron os cambios introducidos polo adestrador coruñés en procura de pechar o grupo como primeiros e lograr a clasificación para a Copa do Rei.

Valín na primeira acción do partido colgou un centro que obrigou a saír de puños a Miralles nun minuto inicial no que o Dépor meteu en área propia ao Numancia. A intensidade de arranque relaxouse ata que no minuto 10 Adri Castro fabricouse a súa propia oportunidade após quitarse a presión da zaga na zona de tres cuartos e disparar alto desde fóra da área. Máis clara foi xusto a seguinte cando o propio Adri cedeu a Rayco e este, nunha rápida parede, habilitou a Celso que só diante do porteiro non puido rematar con forza e envioulla co interior ás mans do gardameta local. Ese foi tamén o destino final do centro chute de Raí cando se completaba o primeiro cuarto de hora de partido.

A primeira clara do Numancia tívoa Asier Benito a escasos centímetros da liña de gol, estando o Dépor cun menos por asistencia médica a Rayco, pero o máximo goleador numantino rematou alto mentres reclamaba como penalti a defensa da acción realizada por Eneko Bóveda. O propio Asier enviou desviada a seguinte ocasión que tratou de xerar desde fóra da área. Aínda máis clara foi a de Borja López que no pico da área pequena, após un balón peiteado, rematou só ás toas, alto e desviado.

De novo Borges co interior, disparando de volea co interior, obrigou á estirada de Ximo Miralles para evitar o tanto deportivista. Tanto que chegou para os locais na última xogada do primeiro tempo, unha falta escorada lanzada directamente a porta por Andrés García, que atopou o oco entre o pau e Abad para adiantar ao Numancia camiño do descanso.

A segunda parte comezou con máis imprecisións de ambos os equipos e o Dépor pisou área nun par delas por mediación de Adri Castro con balóns colgados a dereita e esquerda que non atoparon rematador. Si tivo ocasión de empatar Salva Ruiz pero non foi capaz de dirixir a portería o seu forte disparo diante do gardameta castelán leonés. Un Salva que anotou gol no minuto 58 após unha gran xogada combinativa con Álex, Celso e Valín como condutores da acción. O asistente sinalou fóra de xogo na chegada de Valín antes do pase da morte para o lateral valenciano. Unha xogada similar á que acabou colgando Rayco para que Borges rematase lixeiramente desviado de cabeza na última oportunidade clara do Dépor para pór táboas, insuficientes a nivel clasificatorio, no marcador.

O Numancia puido ampliar distancias cun remate de socato de Menudo que ao que Carlos Abad respondeu cun auténtico paradón, mentres que Raí puxo o punto final ao partido cun remate picado ás luvas de Ximo Miralles.

Un bo partido de fútbol, no que o Dépor mereceu máis, finalmente non serviu para nada a ningún dos dous contendentes. O Numancia perdeu a categoría pola vitoria do Racing de Ferrol en Luanco que sitúa aos departamentais por diante dun Deportivo que, após máis de medio século de participacións ininterrompidas, non xogará a próxima temporada a Copa de SM El Rey.

CD Numancia: Ximo Miralles, Lillo (Borja San Emeterio, min 79), Borja López, David Castro, Corral, Manzanara, Andrés García (Ronald, min. 88), Menudo, Moha (Rubén del Campo, min 79), Asier Benito (José Fran, min. 63) e Gabarre

RC Deportivo: Abad, Valín (Iván Guerrero, min. 76), Bóveda, Granero, Salva Ruiz, Borges (Uche, min. 70), Álex, Villares (Nacho González, min. 83), Rayco (Borja Galán, min. 83), Adri Castro (Lara, min. 70) e Raí

Goles: 1-0 Andrés García (min. 45)

Árbitro: Bueno Prieto (c. madrileño). Amoestou a Gabarre (min. 77) e Rubén del Campo (min. 90+2)

Incidencias: partido da 6ª e última xornada do Grupo 1D e da temporada de Segunda División B disputado no Estadio dos Pajaritos con aforamento reducido