RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor pecha a temporada en ABANCA-RIAZOR caendo ante o Villarreal (2-4)

O Deportivo pechou a temporada en #ANOSACASA cunha derrota ante un Villarreal que, con estes tres puntos, garante a súa presenza na Europa League a vindeira temporada. O conxunto amarelo foise ao descanso cunha vantaxe de 0-3, pero os branquiazuis reaccionaron na segunda metade con dous goles de Borja Valle. No tempo engadido, cando o Dépor buscaba o empate, o Villarreal colocou o definitivo 2-4 no marcador.

Clarence Seedorf, técnico deportivista, cambiou tres pezas con respecto ao equipo que empatou #ONOSODERBI en Balaídos a pasada xornada. Fernando Navarro ocupou o posto do sancionado Fabian Schär no centro da defensa, Fede Valverde fixo o propio con Celso Borges en mediocampo e Borja Valle regresou ao once en detrimento de Emre Çolak.

Case sen tocar a pelota o Deportivo, o Villarreal colocouse por diante no marcador. Samu Castillejo encarou a Luisinho, perfilouse para a súa perna boa, a esquerda, e enganchou un disparo perfecto, que se coou na portería de Rubén por toda a escuadra.

Antes de cumprirse os cinco minutos de xogo, Carlos Bacca gozou doutra clara oportunidade para ampliar distancias a favor do conxunto visitante. O disparo do dianteiro colombiano marchouse excesivamente cruzado.

O Deportivo achegouse por primeira vez aos dominios de Sergio Asenjo no minuto 11. Juanfran centrou pasado ao segundo pau, onde Borja Valle cabeceou de socato ante o porteiro villarrealense, que rexeitou o esférico a saque de esquina.

Dous minutos máis tarde, Rubén atallou un remate de Pablo Fornals. No minuto 17, de novo o gardameta coruñés abortou unha clara ocasión visitante, esta vez en pés de Bacca.

Os branquiazuis estiveron a piques de empatar no minuto 21, nun potente remate de Lucas. O '7' deportivista cazou de volea un centro de Adrián, pero o balón saíu demasiado centrado. Asenjo rexeitou como puido, pero foi capaz de abortar o perigo.

O Villarreal respondeu o minuto 24, nun novo tiro de Fornals, está vez desde fóra da área. Rubén, lanzándose cara á súa dereita, meteu a manopla para despexar a pelota.

Recentemente superada a media hora de xogo, o Villarreal anotou o 0-2. Manu Trigueros cabeceou chegando desde atrás un centro desde a esquerda. Rubén nada puido facer.

Tampouco acertou Borja Valle nunha nova cabezada, a preciso centro desde a esquerda de Luisinho. O berciano peiteou o balón en demasía e este perdeuse preto do poste esquerdo do portal visitante.

Ao fío do descanso, o Villarreal anotou o 0-3. Samu Castillejo realizou un veloz desmarque ás costas de Luisinho, recolleu o balón cruzado por Raba e con toda a tranquilidade recortou a Rubén para marcar a porta baleira.

A segunda parte comezou moi tranquila. Tanto que apenas se produciron achegamentos perigosos nos primeiros dez minutos.

No minuto 57, Juanfran estivo a piques de bater a Asenjo, após un disparo que golpeou nun defensor do Villarreal e colleu unha parábola case imposible para o gardameta. Con todo, reaccionou ben e foi capaz de despexar a córner.

No mesmo saque de esquina, o Dépor recortou distancias. Lucas devolveu no segundo pau cara á área pequena, onde Borja Valle meteu a punteira para anticiparse a dous contrarios e levar a pelota ao fondo das mallas.

Ao fío da hora de xogo, os branquiazuis gozaron de dúas boas oportunidades. Primeiro, nun lategazo lonxano de Fede Valverde que Sergio Asenjo rexeitou a saque de esquina. Pouco despois, foi Adrián quen cabeceou no segundo pau, deixando o coiro na área pequena, onde non chegou ningún compañeiro.

A un cuarto de hora da conclusión, hai que destacar o debut co primeiro equipo deportivista do xuvenil Mujaid. Habitualmente central, nesta ocasión ocupou o lateral dereito após substituír a Juanfran.

No minuto 83, Cheryshev perdoou o 1-4 a porta baleira, após unha acción extraordinaria de Bacca no extremo esquerdo.

Borja Valle achegou aínda máis ao Dépor no minuto 88, anotando o 2-3, cun potente remate ao primeiro toque, a servizo de Adrián.

Xa no tempo de prolongación, o Villarreal sentenciou o encontro co seu cuarto gol. Cheryshev esta vez non perdoou, após recoller na área un pase de rabona do omnipresente Carlos Bacca.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran (Mujaid, min. 75), Albentosa, Fernando Navarro, Luisinho, Krohn-Dehli, Guilherme (Bakkali, min. 46), Fede Valverde (Pedro Mosquera, min. 67), Borja Valle, Lucas e Adrián.

Vilarreal CF: Sergio Asenjo, Mario Gaspar, Álvaro, Víctor Ruiz, Jaume Costa, Rodrigo, Manu Trigueros (Javi Fuego, min. 87), Samu Castillejo (Cheryshev, min. 73), Raba (Sansone, min. 61), Pablo Fornals e Bacca.

Goles: 0-1 Samu Castillejo (min. 2); 0-2 Manu Trigueros (min. 31); 0-3 Samu Castillejo (min. 45); 1-3 Borja Valle (min. 58); 2-3 Borja Valle (min. 88); 2-4 Cheryshev (min. 90+2).

Árbitro: Hernández Hernández (c. Las Palmas). Cartón amarelo a Guilherme (min. 22), Borja Valle (min. 61) e Albentosa (min. 74).

Incidencias: partido da 37ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 12.885 espectadores.