RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor prepárase no búnker talismán do Liverpool

O Dépor realizou esta tarde unha suave sesión de apenas unha hora de duración no complexo Marbella Football Center, unhas modélicas instalacións en San Pedro de Alcántara, dotadas de 4 campos de herba natural e varios de fútbol 8.

O equipo branquiazul colle a substitución da selección do Congo, que estes días estivo a preparar aquí a súa participación na Copa de África; ou do Liverpool, que converteu estás instalacións nun auténtico búnker os días previos á final da UEFA Champions League.

O vixente campión de Europa é un dos asiduos hóspedes do Marbella Football Center, escenario elixido pola Dirección Deportiva do Dépor para o partido de volta de semifinais polo ascenso a LaLiga Santander, nunha das 'finais', outra máis, que afronta o equipo branquiazul na persecución polo obxectivo.

Os 20 futbolistas arrincaron cun traballo táctico. A continuación houbo tarefas de activación con rondos, seguiu José Luis Martí cunha tarefa de remates a portería e finalizou cun partido a metade de campo.

Dani Giménez, cun traballo específico, foi o único futbolista dos desprazados por Martí a Andalucía que hoxe non se adestrou co grupo. O meta tivo un adestramento específico.

Finalizado o traballo sobre o céspede, os xogadores continuaron xa con ximnasio e tarefas de recuperación física, da man dos Servizos Médicos e os fisioterapeutas do Club.