RCD / NOVAS

O Dépor recibe os primeiros exemplares da biografía de Varela Calviño, xogador branquiazul hai 40 anos e extraordinario atleta

29/08/2020 18:30

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, acompañado polo protagonista da obra, José Antonio Varela Calviño, fixo entrega ao presidente do Real Club Deportivo, Fernando Vidal, dos primeiros exemplares dun libro que recolle a traxectoria dun deportista exemplar.

Varela Calviño, xogador do xuvenil, o Fabril e o Real Club Deportivo a principios dos 80, ademais do Bergantiños, completou a súa carreira como atleta, proclamándose en múltiples ocasións campión de España de cros, media maratón e maratón de veteranos, ademais de campión de Europa desta última distancia.

Un ictus e dous infartos apartaron a Varela Calviño da práctica deportiva, pero a súa extensa e exitosa traxectoria deportiva convertérono nunha persoa moi querida tanto no mundo do fútbol como do atletismo, deixando pegada nos dous ámbitos, como se recolle no título do libro escrito por Montse Nieto: "Varela Calviño, deixando pegada".