RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor recupera a Pablo Martínez para visitar mañá a un dos aspirantes, o CF Fuenlabrada

Pablo Martínez é a novidade na lista de 21 xogadores convocados do Deportivo de cara ao partido en Fuenlabrada mañá domingo 27 de novembro ás 17:00 (InSports.tv), correspondente á 13ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

O central hispano-francés, que se adestrou boa parte da semana co grupo, recibiu hoxe mesmo o visto e prace dos Servizos Médicos e entrou na convocatoria de 22 futbolistas que este mediodía emprenderon viaxe por estrada a Madrid.

En rolda de prensa onte, Óscar Cano, adestrador branquiazul, manifestou que "hai que ir aos poucos" e indicou que hai que pensar "se pode ser aliñado de inicio ou non. A nosa preocupación principal cando hai unha lesión deste tipo é que non haxa recaídas e que entre con absoluta garantías. Será el o que vaia dicindo como está e sobre todo, máis que el, os Servizos Médicos".

Quedan na Coruña Villares e Borja Granero, en proceso de recuperación; mentres que Dani Barcia e Brais Val, que hoxe se adestraron co primeiro equipo, entraron finalmente na lista do Fabril para visitar mañá domingo ao Atlético Arteixo.

Na sesión de hoxe na Cidade Deportiva, última antes do partido, Óscar Cano dispuxo após un quecemento con rondos, un exercicio de accións a balón parado e un último repaso ao plan a través dun partido.

Os Nosos chegan ao choque despois dun empate o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante a Cultural Leonesa (2-2) e a pesar de, segundo opinión unánime, completar na primeira metade os mellores 45 minutos do que  de temporada. 

Con este e os demais resultados, o Dépor marcha en 6° lugar da clasificación con 22 puntos, a 1 punto do Racing de Ferrol, 5° con 23 e xa en postos de playoff de ascenso.

Por primeira vez en moitos anos, o equipo non poderá contar co alento de #ANOSAFORZA. O CF Fuenlabrada comunicou directa e formalmente ao Deportivo que, debido ás obras que se acaban de iniciar no Estadio Fernando Torres, ven imposibilitados a dispor entradas de venda visitante.

A pesar de que a vontade do club madrileño era a de manter polo menos a bancada lateral para así cumprir coas afeccións que visitan Fuenlabrada, así como con outros compromisos, o plan de traballo das obras de ampliación do estadio obrigou a quitar as bancadas do fondo e o lateral como elemento fundamental para poder finalizalas a tempo, polo que o aforamento está reducido nun 73%: de 5.140 butacas a 1.400, circunstancia que obriga a destinar integramente eses asentos aos seus abonados. 

O RC Deportivo, comprendendo a realidade actual, quere agradecer ao CF Fuenlabrada a comunicación deste feito e as desculpas recibidas por non poder atender a demanda do Deportivismo para este partido.

Precisamente o CF Fuenlabrada, recentemente descendido de Segunda División e un dos aspirantes ao ascenso, é 9º na táboa con 17 puntos.

A pasada semana, os madrileños igualaron en Pasarón (0-0) ante o Pontevedra CF. 

No seu campo do Fernando Torres, o equipo que dirixe Mere Hermoso mostra unha gran fortaleza con 5 vitorias e 1 derrota no que vai de liga ante o Linares Deportivo (1-2). O balance goleador é claramente favorable con 10 tantos anotados e tan só 4 encaixados.

O adestrador do equipo madrileño confirmou en rolda de prensa a baixa de Bravo e destacou do Dépor "a súa capacidade ofensiva. É un equipo con xogadores para ter o balón, con xogadores para correr aos espazos. Vén xogando con regularidade tanto Mario Soriano como Quiles como Svensson. Teñen aí ferramentas poderosas e tamén no banco".

Cre que as opcións do CF Fuenlabrada pasan por "anular ese talento ofensivo que teñen e nós que se faga palpable que xogamos en casa, que levamos a iniciativa, que somos capaces de facer que defendan a súa portería. Temos que facer un partido moi completo pero eles tamén están nesa situación".

Finalizado o encontro no Estadio Fernando Torres Os Nosos emprenden viaxe de regreso por estrada e adestraranse de novo o martes 29 de novembro ás 10:30 en Abegondo.