RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor recupera a súa mellor versión (3-0)

Após semanas nos que o Deportivo non atopaba regularidade no xogo nin nos bos resultados, o equipo buscaba ante o DUX Internacional de Madrid tratar de volver gañar con solvencia como local. Jaime por Borja Granero, Quiles en punta e Diego Aguirre para ocupar a súa posición inicial no interior dereito foron as dúas permutas de Borja Jiménez respecto ao once inicial dunha semana antes en Lezama.

A diferenza daquel encontro, o Dépor entrou moi enchufado no partido, metendo ao DUX no seu campo e na súa área, e dando moita velocidade ao balón, caendo sobre todo cara a banda dereita con Villares, Aguirre e Soriano como apoio nas xogadas por ese costado. Após un par de pases en profundidade perigosos cortados pola zaga, á terceira Aguirre puido pór o balón colgado á frontal da área pequena onde Quiles non perdoou para encarrilar o partido no minuto 5.

A pesar de adiantarse no marcador, non baixou a intensidade branquiazul en ningún momento e nunha boa combinación entre William e Juergen, o colombiano levantou a cabeza para ver a entrada pola dereita de Mario Soriano que a recibiu, controlouna e mandouna ao fondo da portería nun bo disparo raso.

O propio William puido facer o terceiro nun man a man con Badiashile que resolveu ben o porteiro visitante a unha man cando os Deportivistas crían poder celebrar o terceiro.

A primeira aproximación con certo perigo do equipo visitante chegou no minuto 29 cunha falta directa lanzada por Álvaro Martín lixeiramente desviada sobre a portería de Ian Mackay. O último tramo da primeira parte mantivo a constante no xogo branquiazul pero as ocasións foron a menos, aínda que o público que se deu cita esta mañá en ABANCA-RIAZOR seguiuse divertindo co xogo do seu equipo.

A segunda metade arrincou, como a primeira, cunha boa combinación na frontal de área entre William, Soriano e Quiles que acabou rematando alto. Aguirre en xogada persoal levou o balón até dentro da área para deixarlla a William que, ante a presión da zaga, optou por ceder atrás ante a chegada de Juergen que rematou raso desde a frontal ás mans de Badiashile.

Outra gran xogada combinativa entre Aguirre, Villares e Soriano a punto estivo de acabar en gol cando o balón servido polo madrileño a Quiles foi cortado por Moyano que case marca gol en propia porta. Un Quiles que na seguinte, após recorte dentro da área, estrelouna no lateral da rede. E no man a man do onubense co porteiro do equipo madrileño, de novo impúxose Badiashile está vez a dúas mans. Pero ese balón que mandou a córner serviu para que o Dépor fixese o terceiro ao saque de esquina. O centro que tentou rematar de cabeza Jaime quedou morto para que o defensa Deportivista, xa co pé, anotase o tanto da total tranquilidade con algo máis de dez minutos por diante.

Un último tramo do partido que serviu para facer moitas rotacións no equipo e para que Miku e Doncel, recentemente entrados ao campo, tamén dispuxesen das súas oportunidades para ampliar o marcador. Finalmente, con 3-0, o Dépor recuperou a súa mellor versión no xogo e nos resultados para tratar de encarar, con forzas renovadas, o tramo decisivo da temporada.

RC Deportivo: Mackay, Villares, Lapeña, Jaime, Héctor Hernández (Álvaro Rey, min. 81), Álex Bergantiños, Juergen (Doncel, min. 88), William (Yeremay, min. 61), Soriano (Rafa de Vicente, min. 81), Aguirre e Quiles (Miku, min. 81).

DUX Internacional de Madrid: Badiashile, Leandro, Montoro, Bonaldo (Zambrano, min. 51), Mancebo, David Barral (Brulmans, min. 85), Rubén Ramos, Álvaro Martín (Pitu, min. 74), Blázquez (Alberto Gil, min. 74), Moyano e Marcos Bravo (Ferreiro, min. 51).

Goles: 1-0 Quiles (min. 6); 2-0 Mario Soriano (min. 11); 3-0 Jaime Sánchez (min. 79).

Árbitro: Vicente Moral (c. Castelán-Leonés). Amoestou a Aguirre (min. 39), Ferreiro (min. 82).

Incidencias: partido da 32ª xornada de Primeira RFEF disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 9.603 espectadores.