RCD / NOVAS

O Dépor recupera sensacións cun triunfo traballado (2-1)

20/02/2022 19:43

Buscando romper a serie de derrotas consecutivas e de minutos sen marcar que se acumulaban na clasificación do Dépor e na cabeza dos seus futbolistas, Borja Jiménez apostou por catro cambios respecto ao once inicial do pasado mércores contra o Racing de Santander: Aguirre por Héctor, Álex Bergantiños, no seu partido 300, ao dobre pivote xunto a Diego Villares, Menudo por William e Quiles por Álvaro Rey, foron os axustes tácticos de inicio para buscar ese cambio de rumbo.

Empezou o Dépor dominando, tocando moito o balón, pero sen a profundidade que logrou o equipo visitante. No minuto 7 un mal despexe da zaga permitiu a volea de Manu Ramírez desde a frontal que se foi a escasos centímetros do recanto do marco de Mackay. Acto seguido Cristian Fernández fixo, disparando tamén desde 30 metros, estirarse a Ian para provocar o primeiro saque de esquina do partido. A terceira consecutiva, un lanzamento de Tarsi Augado raso blocouno sen problemas o gardameta coruñés.

Após os avisos rioxanos que fixeron aflorar as dúbidas, recuperou o control do balón o Dépor pero cos mesmos problemas para superar a zona de tres cuartos. Houbo que esperar ao minuto 18 para a primeira aproximación perigosa do Deportivo, por mediación de Menudo, que tentou dous disparos consecutivos desde a frontal, ámbolos bloqueados pola defensa calagurritana. A segunda, primeira entre os paus que obrigou a intervir a Iricibar foi para Miku após unha boa triangulación. O venezolano acomodouna, pero pegoulle raso e centrado para que o porteiro chapase sen problema. Lapeña e Sarriegi tamén o tentaron, pero ambos mandárona por encima das porterías do Estadio Deportivista.

Madrazo, en xogada persoal entrando polo pico da área, obrigou a Mackay a meter a man esquerda na frontal da área pequena con Yurrebaso esperando coa cana preparada. A resposta do Dépor, un gran remate de cabeza de Álex Bergantiños á saída dun córner que levantou á afección dos seus asentos e a Irizibar para evitar o gol do capitán no que tería suposto unha gran guinda a un partido especial para el.

Cun taconazo de Miku que non puido controlar Quiles e un saque de esquina que non deixou sacar Pérez Fernández púxose punto final a unha entretida primeira parte en ABANCA-RIAZOR.

A continuación empezou con susto cando Jon Madrazo á carreira encarou a Ian Mackay pero fíxose unha lea co balón. Yurrebaso culminou a xogada cun lanzamento alto. A réplica, unha gran e rápida xogada persoal de Diego Aguirre após triangulación que se estrelou no porteiro visitante despois dun disparo raso e seco.

Un tiro desviado de Manu Ramírez puxo o epílogo ao que fora o partido até ese momento. O cambio de cara produciuse coincidindo precisamente cun cambio de xogadores no minuto 61. Como lle pasou ao Dépor o mércores contra o Racing, o movemento de futbolistas xusto antes do lanzamento dunha falta provocou certo descontrol dentro da área. A xogada a balón parado do Dépor permitiu a Lapeña, após un primeiro remate en semifallo, empuxar co pé ao fondo da portería o primeiro gol da tarde. Cinco minutos despois o erro foi do porteiro visitante, que non puido recortar a Quiles ante a presión do dianteiro branquiazul, que, metendo a punteira da bota no crebo, tocou con suficiente forza a pelota para que chorando entrase na meta local e todo o equipo fundísese nunha piña fronte ao banco. A tensión acumulada nas dúas últimas semanas parecía esfumarse após o tanto.

A pesar diso tocou sufrir, sobre todo cando nunha xogada desde o costado o balón chegou á cabeza de Carlos Vicente para pór o 2-1 con tres minutos e o engadido por diante. O Deportivo soubo defender co control da pelota, especialmente a través de William no desconto, facendo diabluras e permitindo os tiros de Rafa de Vicente e Álex Bergantiños que se atoparon cun defensor na súa traxectoria cara á portería. Un disparo alto de Rafa de Vicente puxo o peche a un partido que cambia a dinámica, permite ao equipo volver atoparse co gol e recuperar o liderado para volver traballar nunha semana longa e sen competición intermedia coa satisfacción do traballo feito.

RC Deportivo: Mackay, Trilli, Lapeña (Borja Granero, min. 84), Jaime, Aguirre, Álex Bergantiños, Diego Villares (Josep Calavera, min 61), Quiles, Mario Soriano (Rafa de Vicente, min. 87), Menudo (William, min. 46) e Miku (Noel, min. 87).

CD Calahorra: Iricibar, Cristian Fernández, Mario Gómez, Sarriegi (Albert Torras, min. 69), Yurrebaso (Álex Arias, min. 69), Manu Ramírez (Barace, min. 78), García Cera, Jesús Álvarez (Carlos Vicente, min. 78), Tarsi Augado, Jon Madrazo (David Soto, min. 58) e Eneko Zabaleta.

Goles: 1-0 Lapeña (min. 61); 2-0 Quiles (min. 66); 2-1 Carlos Vicente (min. 87).

Árbitro: Pérez Fernández (c. Castelán-Leonés). Amoestou a Villares (min. 27), Menudo (min. 39), Eneko Zabaleta (min. 68), García Cera (min. 78) y Jaime (min. 89).

Incidencias: Partido da 24ª xornada de Primeira RFEF Footters disputado en ABANCA-RIAZOR ante 11.594 espectadores, encontro no que o capitán, Álex Bergantiños, cumpriu 300 choques oficiais defendendo a camiseta do RC Deportivo.