RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor regresa a LaLiga Genuine de novo da man de R

A Fundación RC Deportivo e R acordaron a renovación do acordo de patrocinio do Deportivo de LaLiga Genuine para esta temporada. Como fixera nas tres anteriores, durante esta 2021-2022 o operador galego convértese en patrocinador do equipo reafirmando o seu compromiso co deporte galego, mantido desde principíoo da súa andaina.

O acordo chega en vésperas de que, despois de dous anos de parón pola pandemia, a competición volva con toda a súa forza. Esta fin de semana comeza LaLiga Genuine 21/22 cos encontros da primeira fase do campionato, á que viaxarán 16 xogadores branquiazuis: Andrés Barbeiro, Antonio Cagiao, Sergio Díaz, Senén Fernández, Alejandro Gómez, Roi González, Saúl Jiménez, Xosé Marquina, Anxo Martínez, Javier Martínez, Sergio Nieto, Alberto Piñeiro, Alejandro Rey, Miguel Rivas, Víctor Vales e Álvaro Vidal.

A competición terá lugar nas Palmas de Gran Canaria onde se darán cita xunto a outros 23 equipos da competición: FC Barcelona, Cádiz CF, UD Las Palmas, FC Cartagena, Villarreal CF, Valencia CF, Rayo Vallecano, UD Almería, Gimnàstic de Tarragona, Elche CF, Granada CF, SD Eibar, Sevilla FC, Real Betis, Málaga CF, SD Huesca, Reus, Albacete, CD Tenerife, Atlético de Madrid, RCD Mallorca, Real Sociedad e Levante UD.

Na Cidade Deportiva de Barranco Seco o Dépor enfrontarase o sábado ás 10:30 h. ao Reus e ás 16:30 h. ao Real Betis. O domingo ás 10:00 pecharán esta primeira xornada contra o Albacete.

Para preparar esta estrea en competición os futbolistas do Dépor Genuine adestraron en dous grupos o pasado luns e mércores na Cidade Deportiva de La Torre. Ademais, grazas á colaboración da Fundación San Rafael co equipo todos fixeron as probas COVID necesarias para poder encarar esta competición e poder viaxar hoxe ás Palmas.

Este proxecto que vincula fútbol e integración social comezou a súa andaina da man de LaLiga na temporada 2017-2018. A competición xógase na modalidade de Fútbol 8, partidos de 4 partes de 10 minutos cada unha, e a temporada divídese en 4 fases que se desenvolven en diferentes sedes.

Trátase dun torneo no que participan conxuntos do colectivo DI, e no que ademais da puntuación polos resultados deportivos, todos os clubs contan tamén cada xornada, para que prime a deportividade, cunha serie de puntos que premian o fair play.

O logo do operador galego estará presente no equipamento de futbolistas e do equipo técnico do Deportivo de LaLiga Genuine. Así mesmo, a marca do operador galego vai figurar na web do Dépor como empresa patrocinadora e, sempre que o permita a situación sanitaria, o conxunto deportivista de LaLiga Genuine xogará un encontro amigable ou desenvolverá algunha outra acción na que poidan participar membros do equipo coruñés.

Alfredo Ramos, Director de R, móstrase moi satisfeito polo feito de que “o club coruñés elixa por cuarto ano consecutivo a marca R para patrocinar o Deportivo de LaLiga Genuine. Para nós é moi importante darlle percorrido ao compromiso contraído desde sempre co deporte galego, e aínda máis se, como neste caso, falamos dos valores da solidariedade, a deportividade e o respaldo á integración social, acuñados na esencia deste conxunto. Levamos xa uns aniños aprendendo das persoas marabillosas que integran o Deportivo Genuine e estamos contentísimos de que o noso R siga ao seu lado”