RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor, representado con 2 xogadores no once inicial de España sub-16 na Copa Aegean

- Foto:@SeFutbol -

#ANOSACANTEIRA conta esta semana con presenza de 4 xogadores en diferentes categorías inferiores da selección española: Juan Rodríguez, Trilli, Hugo Novoa e Carlota.

Trilli e Hugo Novoa foron titulares hoxe ante Macedonia coa sub-16

O Deportivo achega dous futbolistas á selección española sub-16, que participa na Copa Aegean na cidade turca de Esmirna: os cadetes Trilli e Hugo Novoa.

España quedou encadrada no grupo B, con Rusia, Albania e Macedonia.

Hoxe martes, os españois, con Trilli e Hugo no once inicial, superaron (2-0) a Macedonia con tantos de Bruno Iglesias e Israel Salazar. Os dous canteiráns branquiazuis xogaron completo o encontro.

O primeiro rival da selección española sub-16 foi onte luns Albania, á que a 'rojita' derrotou (1-0), con gol de David Vilán.

Houbo presenza deportivista na segunda metade. Trilli substituíu no minuto 61 a Rubén Iranzo; e Hugo Novoa saltou ao céspede no minuto 74 en substitución de Miguel Rodríguez.

Mañá mércores 16 de xaneiro será xornada de descanso para a selección española sub-16. O xoves 17 Rusia será o último rival desta Primeira Fase, ás 12:00 (10:00 hora peninsular).

O calendario de partidos da selección, todos nas instalacións de Altinordu FK Meti Oktay Tesisleri, é o seguinte:

Primeira Fase
Luns 14 de xaneiro
ESPAÑA 1 - ALBANIA 0

Martes 15 de xaneiro
ESPAÑA 2 - MACEDONIA 0

Xoves 17 de xaneiro
12:00 (hora local, 10:00 hora peninsular): ESPAÑA - RUSIA

O primeiro de grupo xogará a final, contra o primeiro do grupo A, no que están Turquía, Inglaterra, Moldavia e Azerbaiján. Será o sábado 19 de xaneiro ás 15:00 horas (13:00 hora peninsular).

Os segundos de grupo xogarán polo terceiro e cuarto posto, ese mesmo sábado 19 ás 12:00 horas (10:00 hora peninsular).

Juan Rodríguez, mañá mércores fronte a Italia coa sub-17

Juan Rodríguez Lima, que pertence ao cadro do Xuvenil B de Liga Nacional, foi citado pola selección española sub-17 para un amigable ante Italia.

O choque será mañá mércores 16 de xaneiro ás 19:00 horas no Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada.

Carlota estréase coa sub-17 feminina fronte a Eslovaquia

A xogadora do Deportivo ABANCA Carlota Sánchez foi convocada pola selección española sub-17, para o Torneo do Atlántico en Santa Cruz de Tenerife.

A selección enfróntase mañá mércores (17:00) a Eslovaquia nunha das semifinais do trofeo.

O calendario de partidos da selección é o seguinte:

Semifinal
Mércores 16 de xaneiro
17:00: ESPAÑA - ESLOVAQUIA

A continuación, a outra semifinal disputarana as seleccións de Irlanda e Canarias. As perdedoras xogarán o venres 18 de xaneiro ás 17:00 horas para loitar polo terceiro posto. As gañadoras disputarán a gran final a partir das 19:30 horas.

Todos os encontros terán lugar nas instalacións do Centro Insular de Atletismo.

Deste xeito, Carlota segue os pasos dados con anterioridade por outras xogadoras deportivistas como Teresa Abelleira, Nuria Rábano e Malena Mieres, tamén internacionais en categorías inferiores.