RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor toca o fondo da táboa após a derrota nas Palmas (3-0)

Luis César Sampedro afrontaba no Estadio de Gran Canaria o seu primeiro partido á fronte do Deportivo coa necesidade de armar un equipo con baixas significativas na práctica totalidade das posicións. Unha das grandes novidades que introduciu foi a do canteirán Valín no lateral dereito do equipo, unha aposta que non defraudou polo rendemento final do novo lateral branquiazul. Peru e Eneko formaron o centro da zaga, mentres que Vicente foi o acompañante de Álex no dobre pivote. De aí en diante, o ataque do equipo conformárono xogadores máis habituais nesas posicións ao longo da temporada como Borja Valle e Galán, Aketxe ou Samuele Longo.

O partido, desde o arranque, foi para a Unión Deportiva Las Palmas. No minuto un, o primeiro balón ao corazón da área tocouno Pekhart pero non orientou polo que puido blocar sen problemas Dani Giménez. A resposta foi deportivista cun balón pelexado por Borja Valle e dividido que levou coa punteira o gardameta Vales saíndo da súa área.

O que non perdoou un gran balón entre liñas de Pedri ás costas da defensa foi Pekhart que, en carreira, rematou de primeira, raso, desde a frontal da área para pór por diante ao equipo local camiño do minuto 15.

O Dépor tentouno a balón parado por mediación de Aketxe de falta no minuto 25, pero o lanzamento foise ao pau de suxeción da rede. A seguinte tamén foi do Dépor cun remate de cabeza frouxo de Borja Valle após unha combinación cara á banda co seu homónimo Galán.

De cabeza non fallou Pekhart no minuto 32, após dous córneres consecutivos, aproveitando a segunda xogada o balón colgado por Pedri á frontal da área pequena. Coa vantaxe de dous goles no marcador, o partido foise ao descanso.

Após a continuación Ager Aketxe tentouno de córner, un gol olímpico que sacou Vales de puños. Foi un dos poucos achegamentos do Dépor na segunda metade. O outro tamén o protagonizou Aketxe no minuto 75, obrigando a unha estirada ao lanzamento directo de falta.

Tería suposto o 3-1 porque antes a Unión Deportiva Las Palmas dispuxera dunha clara ocasión para marcar cun lanzamento de Viera, que desbaratou Dani, atallando tamén o rexeite que buscaba Pekhart.

O que non perdoou o equipo local a través da súa estrela foi o penalti cometido por Salva Ruiz que transformou Jonathan Viera no minuto 66. O partido puido mesmo acabar cun tanto máis para o equipo amarelo (hoxe de rosa en apoio á loita contra o cancro de mama) e con hat trick para Pekhart, que estrelou no pau no 81 rematando picado un pase entre os centrais.

Foron as ocasións máis destacadas dunha segunda parte moi espesa para ambos os equipos, sen apenas chegadas de perigo e cun xogo aburrido para os afeccionados locais que só gozaron co resultado final, un 3-0 no marcador que deixa ao Dépor como pechacancelas da categoría despois de 11 partidos disputados.

UD Las Palmas: Vales, Lemos, Mantovani, Aythami, De la Bella, Fabio, Viera (Dani Castellano, min. 90), Kirian, Pedri, Srnic (Cedrés, min 85) e Pekhart (Javi Castellano, min. 86)

RC Deportivo: Dani Giménez, Valín, Peru, Bóveda, Salva Ruiz, Álex Bergantiños, Vicente Gómez (Jovanović, min. 62), Aketxe, Borja Galán (Christian Santos, min. 62), Borja Valle (Gandoy, min. 86) e Longo.

Goles: 1-0 Pekhart (min. 14), 2-0 Pekhart (min. 31); 3-0 Viera (Penalti, min. 66)

Árbitro: Milla Alvéndiz (c. Andaluz). Amoestou a Mantovani (min. 24), Vicente (min. 38), Kirian (min. 46), Peru (min. 47), Fabio (min. 55), Álex (min. 70) e Aythami (min. 75).

Incidencias: partido da 11ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio de Gran Canaria. A UD Las Palmas xogou de rosa e o Deportivo saltou ao campo con camisetas da mesma cor en apoio á loita contra o cancro de mama.