RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor volve deixarse a tranquilidade nos once metros (0-0)

O Deportivo non foi capaz de vencer ao Granada en Riazor, nun partido no que deixou escapar dous puntos que valerían para situarse tres vitorias por riba do descenso e deixar ao rival desta noite a once puntos. Eses dous puntos, os puntos da tranquilidade, se esfumaron nun penalti que Ochoa detivo a Celso Borges cando faltaba un cuarto de hora para o asubío final.

Pepe Mel, técnico do RC Deportivo, realizou cinco cambios con respecto ao once inicial que presentou o pasado domingo en Mestalla. Raúl Albentosa, Fernando Navarro, Álex Bergantiños, Fayçal Fajr e Joselu cederon o seu sitio no equipo titular a Alejandro Arribas, Luisinho, Celso Borges, Emre Çolak e Marlos Moreno.

No minuto 3 produciuse a primeira xogada de perigo do encontro, despois de que Marlos Moreno lle roubase a pelota a Dimitri Foulquier, cedese o balón a Emre Çolak e o turco disparase raso, aínda que frouxo. Guillermo Ochoa detivo sen excesivas dificultades.

A primeira oportunidade do conxunto visitante chegou a balón parado, no minuto 14, cando o ecuatoriano Pervis Estupiñán, que fixo o seu debut co Granada, rematou de cabeza un saque de esquina. A cabezada do lateral esquerdo, en posición vantaxosa, foi frouxa e centrada, co que o esférico chegou mansamente ás mans de Germán Lux.

A mellor ocasión da primeira metade tívoa na súa cabeza Florin Andone, que non chegou a rematar por milímetros, ao bordo da área pequena, un fenomenal centro de Carles Gil. Corría o minuto 39. Dous minutos despois, Arribas dispuxo dunha cabezada similar á que anteriormente protagonizara Estupiñán, co mesmo resultado.

Tras 45 minutos de moito autocontrol por parte de ambos os equipos, máis pendentes de manter a súa portería a cero que de perforar a contraria, chegouse ao descanso con empate sen goles no marcador.

A segunda parte arrancou cun Dépor cun pouco máis de velocidade, ao que esa alegría estivo a piques de custarlle un desgusto nun contrataque en superioridade numérica do Granada, que cortou en última instancia Marlos Moreno. A xogada acabou cunha falta na frontal da área, escorada cara á dereita do ataque visitante, que Wakaso Mubarak botou con moita intención e ante a que Lux respondeu con tanta celeridade como seguridade.

Ao fío da media hora, o Dépor deu outro paso adiante e comezou a merodear con maior frecuencia a área nazarí. Fíxoo en varias ocasións grazas á presión alta, recuperando varias posesións en campo contrario.

Aos 67 minutos, Juanfran estivo a piques de adiantar ao Dépor, cun disparo lonxano coa súa perna dereita. O seu golpeo co interior fixo que o coiro fose abríndose aos poucos, para escapar a rentes do poste dereito do marco de Ochoa. Catro minutos despois, Marlos Moreno, gañándolle a partida a Ruben Vezo, non puido rematar un balón que Andone serviulle desde a dereita. Segundos despois, o colombiano anticipouse ao cruzamento de Foulquier, levou o balón coa cabeza e, escorado, practicamente sobre a liña de fondo, tratou de superar a Ochoa coa súa perna dereita. A pelota marchouse por moi pouco por riba do traveseiro.

No minuto 75, Andone foi derrubado por Estupiñán cando se dispuña a cabecear, completamente só, un fantástico centro do recentemente ingresado Onda John. Celso Borges foi o encargado de executar a pena máxima, polo centro. Ochoa rexeitou a pelota coa súa bota esquerda e ao costarriqueño, cando ía engatillar o rexeite, anticipóuselle a defensa para conxurar o perigo. É o terceiro penalti consecutivo que marran os xogadores deportivistas.

O Granada veuse arriba. Conseguiu varios córneres e faltas laterais, nos que xerou certos problemas á zaga branquiazul. Tamén o probaron con senllos disparos lonxanos Jérémie Boga e Andreas Pereira, aínda que en ambas ocasións fixérono por riba do traveseiro.

Nos minutos finais, o Deportivo buscou sorprender ao seu rival ao contragolpe. No máis claro deles, cando Emre Çolak e Andone avanzaban contra un só defensa rival, o colexiado detivo a xogada para sinalar unha falta a favor dos branquiazuis e amoestar aos dous protagonistas da acción, Cuenca e Ola John.

Con este empate, o Dépor colócase con 28 puntos, seis por riba do descenso (sete se temos en conta que a diferenza de goles particular favorece aos herculinos) despois da derrota do Sporting de Gijón fronte ao Málaga, cando restan oito xornadas para a conclusión de LaLiga Santander.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho, Borges, Guilherme, Carles Gil (Bruno Gama, min. 57), Emre Çolak, Marlos Moreno (Ola John, min. 74) e Andone.

Granada CF: Ochoa, Foulquier, Vezo, Saunier, Estupiñán, Cuenca, Andreas Pereira, Wakaso, Héctor Hernández (Atzili, min. 84), Boga e Kravets (Ponce, min. 60).

Árbitro: Del Cerro Grande (c. madrileño). Cartón amarelo a Héctor Hernández (min. 45), Estupiñán (min. 75), Andreas (min. 76), Cuenca (min. 90+2) y Ola John (min. 90+2).

Incidencias: partido correspondente á 30ª jornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Riazor ante 19.302 espectadores.