RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor volve gañar lonxe de ABANCA-RIAZOR (1-2)

O Deportivo volveu gañar fóra do Estadio ABANCA-RIAZOR após case 4 meses sen facelo, grazas a un alarde de efectividade no primeiro cuarto de hora e a un bo manexo dos tempos durante o resto do encontro.

Natxo González, preparador deportivista, realizou un único cambio con respecto á aliñación que presentou a pasada xornada ante o Albacete Balompié no Estadio ABANCA-RIAZOR: Quique deixou o seu sitio na dianteira a Christian Santos.

Arrancou con forza o Dépor, que no seu segundo achegamento adiantouse no marcador. O primeiro foi nun disparo lonxano de Borja Valle, após unha boa combinación con Christian Santos, que acabou en córner. Na segunda, no minuto 7, chegou o gol. No segundo saque de esquina botado polo equipo coruñés, Fede Cartabia buscou o primeiro pau, onde peiteou Borja Valle para deixar o coiro perfecto na cabeza de Álex Bergantiños, que só tivo que deixar a súa fronte onde estaba para dirixir a pelota cara ao fondo das mallas.

Pouco durou a alegría, porque no minuto 12 empatou o Sporting por medio de Uros Djurdjevic. O corpulento ariete serbio aguantou a arremetida de Domingos Duarte na disputa dun balón longo lanzado por Hernán Santana e fusilou a Dani Giménez á media volta.

Ao conxunto asturiano tamén pouco duroulle a celebración, porque viu como Christian Santos adiantaba de novo ao Dépor xusto cando se cumpría o cuarto de hora de xogo. Peybernes cometeu un erro na saída do balón, entregando un pase a Fede Cartabia, que arrancou en situación de 3 contra os 2 centrais xixoneses. O arxentino buscou cara á esquerda a Borja Valle e, aínda que a pelota fóiselle un pouco longa, aínda máis cara á esquerda atopábase Christian Santos. O venezolano fusilou a Mariño cun tremendo zurdazo por alto ao primeiro pau. Foi o segundo tanto do ariete suramericano no seu terceiro partido como titular.

O Sporting acariñou de novo o empate no minuto 23. Carmona disparou por riba do traveseiro, co balón morto nas inmediacións da área pequena ao dubidar no despexe a defensa deportivista, ao cabo dunha combinación de toda a liña ofensiva xixonesa.

Á media hora, Christian Santos estivo a piques de ampliar distancias. O dianteiro internacional 'vinotinto' rematou co seu pé dereito un fenomenal centro de David Simón desde o extremo dereito. O coiro marchouse a rentes do pau dereito da portería local.

O Sporting tratou de sacudirse o dominio dun Dépor que arrefriou o partido con longas posesións e moita precisión na circulación do balón. No minuto 39 acariñou de novo o empate, na segunda xogada dunha acción a balón parado na que Jean-Sylvain Babin quedou en posición de ariete e rematou ao primeiro toque un centro de Geraldes desde a dereita. O disparo do internacional por Martinica marchouse alto por moi pouco.

Ao descanso chegouse coa vantaxe deportivista e a segunda metade comezou cos mesmos protagonistas que se retiraron aos vestiarios tralos primeiros 46 minutos de xogo.

A primeira ocasión clara chegou no minuto 52. Tívoa o sportinguista Cristian Salvador, que se incorporou ao ataque, recibiu un pase en profundidade de Carmona, recortou a Domingos Duarte dentro da área pero disparou co exterior do seu pé dereito, moi desviado.

Á hora de xogo producíronse os primeiros cambios. No Dépor, Didier Moreno substituíu a Edu Expósito, ao que o Sporting respondeu coa entrada de Robin Lod por André Sousa. Inmediatamente, Pablo Marí rexeitou sobre a mesma liña de gol unha cabezada de Cristian Salvador á saída dun córner lanzado por Carmona.

Ate o minuto 73, o Dépor non volveu achegarse con claridade aos dominios de Mariño. Foi nunha fenomenal saída ao primeiro toque que finalizou Vicente Gómez cun disparo desde a frontal da área que atrapou sen apuros o gardameta branquivermello.

A pesar de que o tentou, o Sporting non gozou de ningunha ocasión, aínda que si tivo unha falta ao bordo da área na última xogada do encontro. Djurdjevic enviou a pelota moi por riba da portería de Dani Giménez. Tralo saque de porta, o colexiado decretou o final do choque.

Con esta vitoria, a primeira a domicilio en case 4 meses, o Dépor colócase con 42 puntos na terceira posición, a só 2 puntos do líder Granada CF e a 1 do segundo, o Málaga CF. Hai que apuntar que a pesar desa seca fóra de casa, o Dépor é o cuarto mellor equipo a domicilio, con 15 puntos en 12 partidos. De igual modo, con esta vitoria os branquiazuis afastan a un dos múltiples candidatos ao ascenso a 12 puntos máis a diferencia de goles e volven abrir unha brecha de 7 puntos con respecto á sétima posición.

Real Sporting de Gijón: Mariño, Geraldes, Peybernes, Babin, Canella, Hernán Santana, Cristian Salvador, André Sousa (Lod, min. 62), Carmona (Blackman, min. 68), Álvaro Jiménez (Álvaro Traver, min. 74) e Djurdjevic.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Edu Expósito (Didier Moreno, min. 61), Álex Bergantiños, Vicente Gómez, Fede Cartabia (Carlos Fernández, min. 66), Borja Valle e Christian Santos (Quique, min. 76).

Goles: 0-1 Álex Bergantiños (min. 7); 1-1 Djurdjevic (min. 12); 1-2 Christian Santos (min. 15).

Árbitro: Pulido Santana (c. canario). Cartón amarelo a Dani Giménez (min. 19), Cristian Salvador (min. 26), Domingos Duarte (min. 54), Vicente Gómez (min. 80), Geraldes (min. 89) e Carlos Fernández (min. 90).

Incidencias: partido correspondente á 23ª xornada de LaLiga 1|2|3 no estadio El Molinón-Enrique Castro 'Quini' ante 20.740 espectadores, con máis de 1.100 afeccionados deportivistas nas bancadas.