RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor xógase ante o Albacete o ascenso a Segunda División

O Dépor xógase mañá sábado 11 de xuño ante o Albacete Balompié (18:00, Go&Go TV) en ABANCA-RIAZOR o ascenso a Segunda División nunha das dúas finais do playoff.

Os deportivistas apearon ao Linares Deportivo en semifinais (4-0); mentres que os manchegos fixeron o propio co CF Rayo Majadahonda (2-1).

Borja Jiménez insistiu nas súas últimas comparecencias públicas en que estas semanas son normais para o grupo, clave para chegar o futbolista ao partido o máis tranquilo e responsabilizado posible. Baixo esta premisa, mantivo a rutina habitual da temporada e da semana pasada de playoff: sesión dominical post-partido tralo Linares Deportivo, xornada de descanso o luns, volta ao traballo o martes para completar até o encontro un total de catro adestramentos e sesión previa hoxe venres á mesma hora do choque ante os albaceteños: 18:00 horas.

Ao quedar o conxunto deportivista subcampión do grupo 1º e os albaceteños terceiros do grupo 2º, en caso de empate á conclusión do tempo regulamentario e da prórroga ascendería o Dépor. Non habería pois lanzamentos desde o punto de penalti para dirimir o gañador.

Ao termo da sesión desta tarde, Borja Jiménez citou a todo o cadro para mañá; aínda que Víctor e Trilli son baixa por lesión. Noel, Yeremay e Alberto son a representación de #ANOSACANTEIRA.

Un quecemento, un partido táctico a tres cuartas partes de campo, un exercicio de finalizacións e un último ensaio de accións a balón parado foron as tarefas desta tarde.

Pola súa banda, o Albacete Balompié dirixido polo adestrador coruñés e ex do Dépor Rubén de la Barrera, estará arroupado nas bancadas de ABANCA-RIAZOR por uns 3.000 afeccionados. No corpo técnico do conxunto manchego milita ademais Julio Hernando, ex preparador físico branquiazul en varias etapas; e Alfonso Serrano, ex secretario técnico a pasada campaña do Dépor, é agora Director Deportivo do Albacete.

O cadro albaceteño chega á final confiado. Así, Rafa Gálvez, en rolda de prensa estes días, cre que ABANCA-RIAZOR "é o mellor escenario posible para culminar unha temporada complicada, bastante dura". Sostén que o Albacete "é o mellor equipo da categoría. Vin o que somos capaces de facer e temos mellor equipo que eles".

Pola súa banda, Rubén de la Barrera pretende "transformar todo o que está en contra en favorable, facer un bo partido. Sabemos que ten que ser así porque en caso contrario non terás opción. Confío no cadro, en como chegamos, en como estamos e mostrar alí o que temos que facer".

No seu grupo de Primera RFEF, e lonxe do Carlos Belmonte, o Albacete Balompié esta temporada gañou 5 partidos, empatou 8 e perdeu 6; cun balance de 19 goles a favor e 24 en contra.

Un total de 90 ou 120 minutos nun ABANCA-RIAZOR abarrotado de afeccionados ditará sentenza.