RCD / NOVAS

O Deportivo ABANCA dá unha poutada á liga en Oviedo

22/12/2018 16:01

- Foto: @RealOviedoFem -

O Deportivo ABANCA deu unha poutada á liga na 14ª xornada do grupo 1º da Segunda División Nacional. Impúxose (1-3) en campo do Real Oviedo Femenino, o gran rival polo título, con goles de Miriam, Gaby e Peke.

Así pois, as deportivistas, á fronte da táboa, avantaxan agora en 3 puntos ás ovetenses: 37 puntos por 34. Ademais, este resultado, se a traxectoria ligueira non se torce para ambas, obrigaría ao Oviedo a facer unha heroicidade en Abegondo no partido da segunda volta para darlle a volta ao golaverage particular, que decidiría en caso de empate a puntos.

O resultado en El Requexón foi xusto. Puido ser mesmo máis amplo porque o árbitro anulou un gol a Peke, Cris estrelou un balón na cruceta, e a Michelle Romero fóiselle un man a man coa porteira rival, por citar só 3 exemplos.

O Dépor ABANCA saíu moi metido no partido, disposto a dar a cara, e xa se adiantou no marcador aos 18 minutos, grazas a un gol de Miriam. Pouco despois da media hora de partido, Gaby facía o segundo despois de que as branquiazuis gozasen das mellores oportunidades.

Tralo descanso, a tónica do partido non variou. Peke logrou o terceiro no minuto 67, que deixaba o choque visto para sentenza. O Oviedo tirou de orgullo e logrou maquillar o resultado cun gol de Villamayor, pero o partido era xa de cor branquiazul.

Deportivo ABANCA: Miralles, Cris, Miriam, Silvia Mérida, Érika, Iris, Teresa, Alba Merino, Yamamoto, Peke e Gaby. Tamén xogaron: Patri Díaz, Michelle Romero e Lía.

A competición ligueira para por Nadal. A mediados de xaneiro, o CPM Friol será o rival do Dépor ABANCA, no primeiro partido da segunda volta.

A campaña transcorre así para o equipo que prepara Manu Sánchez:

Deportivo ABANCA 2 (Lía e Peke) - PM Friol CD Lugo 2
Victoria CF 0 - Deportivo ABANCA 7 (Teresa, Michelle Romero, Peke, Iris, Lía, Gaby e unha futbolista rival en propia meta)
Deportivo ABANCA 9 (Peke, Érika, Teresa, Iris -3-, Silvia Mérida e Kika -2-) - CD Monte 0
Atlético Arousana 0 - Deportivo ABANCA 8 (Érika, Peke, Teresa -2-, Gaby -2-, Carlota e unha futbolista rival en propia meta)
Deportivo ABANCA 5 (Gaby -2-, Miriam e Kika -2-) - CDE Rácing Féminas 1
Sporting de Gijón 3 - Deportivo ABANCA 4 (Michelle Romero -2-, Peke e Alba Merino)
Deportivo ABANCA 7 (Gaby -5-, Alba Merino e Érika) - Gijón FF 0
CD Valladares 0 - Deportivo ABANCA 5 (Michelle Romero, Ali, Nuria Rábano -2- e Peke)
Deportivo ABANCA 8 (Ali Muñoz -2-, Kika -2-, Gaby, Alba Merino, Erika e Yamamoto) - CD Oceja 1
Victoria FC 0 - Deportivo ABANCA 4 (Alba Merino, Gaby e Peke -2-)
Deportivo ABANCA 5 (Peke, Yamamoto, Alba Merino, Gaby e unha futbolista rival en propia meta) - Sárdoma CF 0
Deportivo ABANCA 12 (Teresa -2-, Yamamoto, Alba Merino -3-, Peke, Gaby -3- e Ali Muñoz -2-) - SCD Atlántida de Matamá 0
Real Oviedo Femenino 1 - Deportivo ABANCA 3 (Miriam, Gaby e Peke)