RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo afiánzase no grupo dos clásicos da historia da Liga mantendo o 11º posto

Tras a finalización da presente temporada, a súa cuadraxésimo-quinta na Primeira División, o Real Club Deportivo sumou 36 puntos, alcanzando un total de 1.814 no conxunto das temporadas que o club coruñés militou na máxima categoría, que foron un 52,3% dos 86 campionatos disputados. Iso consolídao na décimo-primeira praza da Clasificación Histórica da Liga, tan só a 71 puntos do Real Betis, último club que forma parte dos dez primeiros de entre os 61 clubs que forman dita clasificación.

Cos 1.814 puntos sumados no total histórico, o club coruñés afiánzase no grupo de privilexio da competición, que conforman os clubs que ademais de disputar a maioría das súas temporadas na Primeira División, alcanzaron unha puntuación total próxima ou superior aos 2.000; cifra que o club branquiazul podería superar en tres ou catro temporadas máis en LaLiga Santander, dependendo da puntuación alcanzada.

Tras 86 temporadas da Primeira División desde que se iniciou o campionato das “ligas” en 1928, o Real Madrid e o FC Barcelona superaron os 4.000 puntos, mentres que a máis de 800 puntos Atlético, Valencia e Athletic Club están por riba dos 3.000. Por baixo da devandita puntuación atópase un terceiro grupo, a 549 puntos de distancia do segundo, formado por Sevilla, RCD Espanyol ou Real Sociedad; e nun cuarto bloque atópanse os clubs que roldan os 2.000 puntos, entre os que se atopan o Real Zaragoza (actualmente en LaLiga 1|2|3) con 2.109, Real Betis (1.885), Real Club Deportivo (1.814) e Real Club Celta (1.789). Este último grupo foi abrindo brecha co 13º clasificado e os clubs que veñen a continuación, os cales non alcanzan os 1.500 puntos e, maioritariamente, non militan na actualidade na Primeira División. Entre estes últimos atópanse nos postos 13, 14 e 15 Real Valladolid, Real Racing Club e Real Sporting con 1.471, 1.416 e 1.389 puntos respectivamente.

Dáse a circunstancia de que a pesar de dous recentes descensos a LaLiga 1|2|3, liquidados con ascensos inmediatos, o Real Club Deportivo consolidouse como un clásico da competición non só polo total da súa traxectoria histórica, senón pola súa historia presente, pois do último cuarto de século militou 23 temporadas na máxima categoría, privilexio que tan só comparten os clubs da elite do fútbol español.

O total de partidos na Primeira División do club coruñés chegou ao número de 1.530, cunha situación de empate técnico en canto a resultados, pois deles foron gañados 563, por 575 perdidos e 392 empates. En canto aos goles, o club coruñés suma 2.052 a favor por 2.193 en contra, sendo o noveno con mellor diferencia de goles (-141) entre os 20 primeiros postos da clasificación histórica.

O Deportivo non só roza o “Top Ten” en número de puntos, senón que entra de cheo nel no que á clasificación entre o tres primeiros postos refírese, pois é un dos nove clubs que gañaron o campionato, pero é o sexto en subcampeonatos (con 5), e comparte a sexta posición en canto a terceiros postos (4) con Sevilla, Espanyol e Zaragoza. No que a títulos se refire, ademais do Campionato de Liga da Temporada 1999-2000, o club coruñés suma senllas Copas do Rei (1995 e 2002) e tres Supercopas de España (1995, 2000 e 2002), o que o converten no único club galego con títulos oficiais e un dos oito de España que gañaron as tres competicións nacionais. No relativo a participacións internacionais, o Real Club Deportivo competiu varias temporadas consecutivas na UEFA Champions League, alcanzando en 2004 as semifinais da devandita competición e tamén as da segunda competición europea en 1996 (Recopa de Europa), sendo o primeiro club galego en conseguilo.

Así pois, e tras a actual temporada, o club coruñés consolida a súa posición nos postos de privilexio da historia da Liga, e afianza un ano máis a súa condición de clásico do fútbol español, co obxectivo de permanecer en Primeira para sempre e o horizonte de alcanzar os 2.000 puntos; ademais de fidelizar un ano máis en Riazor a unha das afeccións máis nutridas de España, cunha notable asistencia media ao campo e máis de 26.000 socios, o que o converten en termos sociais tamén nun dos clubs máis importantes do país.