RCD / NOVAS

O Deportivo, convidado o coloquio de homenaxe aos clubs pioneiros do fútbol galego, mañá xoves na Cidade da Cultura

22/05/2019 13:00

A Aula Seminario da Cidade da Cultura de Galicia, no Monte Gaiás de Santiago de Compostela, acollerá mañá xoves 23 de maio a partir das 18:30 horas unha charla-coloquio de homenaxe aos clubs pioneiros do fútbol galego, enmarcada na exposición 'Valor e mestría. Galicia como fútbol', á que foi convidado o RC Deportivo.

Descubrir xestas menos coñecidas, saber como se sortearon os peores momentos da vida de cada club ou dar a coñecer o traballo que realizan co seu legado e patrimonio entidades con máis 100 anos de existencia serán algúns dos temas que tratarán os representantes, ademais do Deportivo, do Racing de Ferrol, Celta de Vigo, Unión Campestre FC e SD Sin Querer. O xornalista Carlos Miranda exercerá de moderador.

Será unha maneira distinta de facer chegar á xente as lendas e mitos do fútbol galego, descubrindo de forma amena un pedazo da historia da nosa terra a través do fútbol e, no caso do RC Deportivo, máis concretamente da nosa cidade a través do seu club representativo.

A asistencia á charla-coloquio é gratuíta, previa inscrición clicando aquí.

A exposición 'Valor e mestría. Galicia como fútbol' inaugurouse o pasado 15 de febreiro e clausurarase o 1 de setembro. Nela pódense ver numerosos obxectos relacionados co RC Deportivo, moitos deles cedidos polo propio Club como o trofeo de campión de Primeira División 1999-2000, as Copas do Rei de 1995 e 2002 ou o primeiro título do Campionato de Galicia, en 1927, e o da última edición da historia da devandita competición, que data de 1940.