RCD / NOVAS

O Deportivo ESIL, exemplo a seguir nas escolas de Mozambique

02/01/2020 17:12

O profesor Amilton Bito fainos chegar desde Mozambique esta foto do Deportivo ESIL, campión das competicións entre equipos femininos das distintas escolas da zona. O traballo dos profesores continúa a diario na escola coa colaboración anual do Club e o Dépor segue sendo o equipo europeo con máis fans no colexio, con moitas fotos colgadas nas habitacións comúns e biblioteca.

A Escola ESIL viuse afectada o pasado abril polo paso do Ciclón Idai por Mozambique. No país Africano, desde principios de 2017, o Real Club Deportivo apadriña o proxecto Sementes de Amanhá, traballo da Fundación Loyola Galicia que, da man do Deportivo, foi premiado, recoñecido e apoiado por LaLiga a través do seu programa Champions for Life.

É un programa de acollida que atende a 70 nenos e nenas orfos na meseta rural de Angonia-Tsagano na fronteira de Mozambique con Malawi e que tamén beneficia a outros 500 co seu programa de alimentación en aldeas. Ao longo deste tempo lográronse cubrir os principais obxectivos do proxecto como a habitabilidade das casas de orfos ou contribuír á sanidade e á nutrición dos nenos e nenas da rexión.