RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O equipo está a entoarse cada día máis, hai máis unión, máis grupo", asegura Andone

Florin Andone, recentemente chegado da concentración de Romanía, foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O dianteiro deportivista advirte que "os dous últimos partidos en casa gañámolos (ante Alavés e Getafe) e tamén temos que tentar aos poucos sacar os puntos fóra de casa para que o día de mañá teñamos máis tranquilidade".

Falou do Eibar, rival do Deportivo este domingo 15 de outubro (12:00 horas, Bein LaLiga) e de Ipurua, o terreo de xogo do conxunto vasco: "É un equipo forte fisicamente, un campo pequeno, saben ao que xogan. A maioría dos seus puntos veñen da súa casa. Será un campo moi difícil".

Pide o dianteiro romanés para sacar algo positivo do estadio eibarrés "igualar a intensidade, a agresividade, ter presenza co balón e tentar meter máis goles que o rival".

Preguntado sobre as ausencias de Adrián López e Lucas Pérez esta fin de semana, apunta Florin Andone que "nunca na miña vida desexei nin desexarei mal a ninguén dos meus compañeiros, sobre todo aos dianteiros que teña á beira. Sempre vou estar ao cento por cento disposto a ter minutos, a xogar, a estar presente para o que se necesite. Deuse a circunstancia que eles dous están aí un pouco mal, eu fisicamente estou ben, xoguei os dous partidos coa selección. O que decida o míster. E se teño que xogar, pois encantado".

Cre que Costel Pantilimon, o seu compatriota que nestes últimos partidos defendeu a portería do Deportivo, "aos poucos asentarase neste equipo. É normal que ao principio nos custe a todos adaptarnos, vir dun sitio a outro e render ao cento por cento. Estou seguro que nos vai a achegar moitas cousas positivas, moita tranquilidade, moita presenza baixo os paus. Estou seguro que vai ser un alicerce importante no futuro do Deportivo".

Sobre a situación clasificatoria, Andone chama á tranquilidade: "Hai catro ou cinco equipos por baixo de nós. Tampouco estamos últimos ou penúltimos. Tranquilidade. Estamos na xornada 7. Levamos uns cantos partidos que estamos a xogar ben. O outro día contra o Getafe fomos moi superiores. Un resultado enganoso o 2-1 e case no último minuto. Tranquilidade. Aos poucos o equipo está a entoarse cada día máis, hai máis unión, máis grupo. Aos poucos irémolo sacando, disto non hai dúbida".

Está convencido que é perfectamente compatible con Lucas: "Podemos xogar xuntos. Cada xornada é unha situación diferente. Para o equipo que temos diante hai que preparar un esquema diferente. Non sempre imos poder xogar os dous xuntos. Haberá días que estea eu no banco, habería días que estará el. Ou se cadra non estaremos nunca. Iso verase durante as semanas. Temos que tentar estar ao cento por cento a disposición do equipo para poder axudar sempre que se nos necesite".

Recoñece que "fóra está a custarnos bastante. Oxalá podamos cambiar pronto esta situación. A todos os equipos en xeral cústalles moito fóra. Sobre todo aos equipos de metade de táboa cara abaixo. Sempre se fan máis fortes en casa e fóra custa un pouco máis. Oxalá podamos cambiar esta situación e empezar a puntuar fóra porque son puntos moi necesarios e puntos ao final que che darán a tranquilidade".