RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O equipo está máis que unido e motivado" di Antoñito, que vaticina pelexa polo ascenso "até o final"

Antoñito, en rolda de prensa esta mañá en ABANCA-RIAZOR, pasa páxina xa da eliminación da Copa do Rei: "Sempre doe perder. O equipo quería pasar de rolda porque é bo para todos. Pero a competición de Copa é a que é, está feita para que os equipos de Primeira División cheguen o máis lonxe posible. Nós, a centrarnos no realmente importante que é a liga".

Ante un mes infestado de enfrontamentos directos (Córdoba CF, Racing de Ferrol, CF Fuenlabrada...) o lateral deportivista defíneo como un mes "chulo. O equipo está máis que unido e motivado para facelo de luxo e irnos de vacacións no alto da táboa".

Non se marca unha meta de puntos neste tramo do campionato posto que "somos máis de mirar domingo a domingo. Toca a 'Cultu'. Hai que gañar si ou si. Despois Fuenlabrada, despois Córdoba e así. En ABANCA-RIAZOR hai que facernos fortes porque tamén veñen rivais directos e hai que gañar si ou si, sexa Córdoba, Racing de Ferrol, Mérida... Dá igual. Hai que sumar de 3 e facernos fortes en casa, que é por onde pasa o ascenso".

De feito, subliña que "este ano hai equipos máis fortes, equipos que veñen de Segunda cun orzamento maior. A liga é moi competitiva, moi igualada e imos estar pelexando até o final. Isto é unha carreira de fondo. Non se sobe en Nadal e esperemos nós ser os campións nese momento".

Do mesmo xeito que onte Edu Sousa, restou importancia o defensor deportivista aos lesionados actuais no cadro: "Os que facemos un deporte como o fútbol estamos sempre no punto de mira das lesións. É algo que pasa a todos os equipos durante a temporada. Esperemos que sexan poucas porque non son moitas de gravidade, que se recuperen canto antes para estar todos no grupo, todos unidos, e que o míster decida e teña onde elixir".

Subliña sobre a presión que "cando asinamos no Dépor sabemos a obrigación, a responsabilidade que temos. Non creo que sexa unha carga mental. Sería unha carga emocional o tentar subir co Deportivo, que sería unha cousa bonita. Non é unha presión máis. É unha presión deportiva que todos os futbolistas temos, xoguemos no Deportivo ou noutro lugar. Hai que afrontala da mellor maneira posible. Todos sabemos que cando chegas ao Dépor hai que subir si ou si. Non hai outra".

Nesta liña, recalca que "hai 24 futbolistas competitivos e de alto nivel, máis xente que vén axudarnos do Fabril. Cada adestrador mira o mellor cada semana para cada partido e hai que respectar as súas decisións".

A Antoñito agrádalle que desde #ANOSAFORZA "esíxaseme porque así me fago mellorar. Se me esixen é porque podo dar máis de si e podo mellorar ao equipo en asistencias aos meus compañeiros. Todo suma. Se me esixen eu tamén me esixo moito a min mesmo e iso é bo".

A un partido da terceira vitoria consecutiva tralas logradas ante o UD Sanse e Algeciras CF, pensa que "sumar de 3 en 3 sempre é bo e máis en ABANCA-RIAZOR facernos fortes e non deixar escapar un punto. É importante e é o obxectivo que temos no vestiario".

Ve ao Dépor "cunha dinámica positiva e imos a pola terceira vitoria consecutiva en liga que é o importante. Nós a facer o noso xogo e depender de nós. Se estamos ben, estaremos máis preto da vitoria", engadiu en referencia ao encontro deste domingo 20 de novembro en ABANCA-RIAZOR ante a Cultural Leonesa (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv).

Conclúe o futbolista andaluz que "o equipo necesitaba 3 ou 4 vitorias consecutivas, esa suma de puntos que che fai estar arriba e con outro estado de ánimo máis positivo. E niso estamos, perseguindo esa xeira boa para subir ao monte Everest. Hai que gañar para estar arriba e pelexar polo que todos queremos".