RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O exlucense Luis Ruiz agarda no Anxo Carro un partido "bonito, intenso, difícil"

Luis Ruiz manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que espera este domingo 1 de decembro (18:00 horas, Movistar LaLiga) "un partido bonito, intenso, difícil alí. Os partidos no Anxo Carro sempre son moi difíciles. Esperemos levarnos os 3 puntos".

Incide en que nese estadio "o Lugo faise moi forte, a xente aperta bastante. Sempre adoitan saír moi enchufados. Os primeiros minutos van ser clave. Nós temos que saír moi concentrados desde o minuto 1, facer o noso xogo como fixemos ante o Alcorcón. Facendo o noso xogo e tendo máis acerto arriba, conseguiremos a vitoria".

O lateral deportivista cre que "estamos máis preto que hai unhas semanas de conseguir os 3 puntos. O outro día (ante o Alcorcón), aínda que non se lograron os 3 puntos foi un punto de inflexión polo xogo do equipo, pola súa actitude, por como se deu o partido. Quedamos cun sabor de boca amargo por non materializar algunha ocasión que tivemos".

Nesta liña, incide en que "esta semana non é a mesma que a do Extremadura, por exemplo. A sensación que deixou o partido de Extremadura foi bastante mala. E nesta, aínda que conseguimos 1 punto, quedamos curtos de puntos, a sensación foi outra, de que pode haber un cambio no equipo, un cambio de todo, de actitude, de xogo. Demostramos que somos capaces de gañar. O outro día non gañamos pero somos capaces de gañar".

Define ao equipo branquivermello como un conxunto "moi rochoso. É bastante intelixente. Sabe ler os partidos ben, tanto fóra de casa como en casa. A base do equipo mantéñena, que é Pita e Seoane. Logo teñen arriba a Cristian Herrera, que as está enchufando todas, xunto con Manu Barreiro. Fixeron unha boa defensa tamén. É un equipo bastante compacto. Imos ter que saír coas nosas mellores armas, imos ter que dar nosa mellor versión todos para sacar os 3 puntos de alí".

Após pasar dúas temporadas defendendo a camiseta do CD Lugo, subliña que "vivín alí dous anos moi bonitos. Crecín moito como xogador, como persoa. Tratáronme moi ben. Sempre é especial medirte a un exequipo. Téñolle un gran agarimo ao Lugo".

Agora, no Dépor, confesa estar "contento a nivel persoal por como se deron as cousas. Aínda podo dar un pasiño máis. Pero estou a atoparme ben, estou a traballar ben. Quero seguir tendo esas sensacións neste partido".