O Fabril xa ten data de regreso das súas vacacións de verán. Tras lograr brillantemente o ascenso a Segunda División B pola vía rápida (campión de Terceira e eliminación do Cacereño na eliminatoria directa), o filial deportivista comezará a preparar o seu regreso á categoría de bronce do fútbol español o vindeiro martes 11 de xullo en Abegondo.
A Dirección Deportiva xa perfila o plantel
Nada máis confirmarse o ascenso, os responsables da Dirección Deportiva do RC Deportivo puxéronse a traballar para perfilar o novo Fabril 2017-2018.
Así, hai unha serie de futbolistas que non continuarán a próxima temporada en Abegondo. Son os seguintes: Anxo, Manú, Manu Molina, Naveira e Àlex Corredera.
O Real Club Deportivo quere agradecerlles a todos eles a súa dedicación e profesionalidade durante a súa etapa como deportivistas e fabrilistas, á vez que lles desexa de cara ao futuro moita sorte na súa traxectoria deportiva.