RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Fabril cae con méritos na semifinal do playoff ante o Ourense CF (1-0)

Ourense e Fabril enfrontábanse no Vero Boquete de San Lázaro na primeira semifinal do playoff de ascenso do grupo galego. Coas dúbidas de non gañar nin marcar esta temporada aos ourensanistas e de quedar por detrás na liga, pero coa seguridade dun final de campaña brillante, o Fabril mostrou a súa mellor cara na primeira metade.

O Ourense, salvo na xogada inaugural cun disparo alto, non inquietou a Alberto en todo o primeiro tempo mentres que o Fabril fixo méritos para anotar máis dun tanto antes do descanso. Un dubidoso fóra de xogo de Jairo non permitiu que o seu gol subise ao marcador. Iano a pase da morte de Mella, Davo á mediavolta ou Mario de falta directa tamén dispuxeron da súa ocasión para marcar.

O segundo tempo empezou como o primeiro, con ocasión do Ourense que liquidou cunha gran parada Alberto a remate de Tiago. A pesar de que o Fabril recuperou o control para tratar de parecerse ao da primeira metade, cando se cumpría unha hora o Ourense nunha xogada por banda dereita que acabou empuxando Amin ao fondo da portería desde a frontal da área pequena puxo en vantaxe a eliminatoria para o equipo ourensán.

O Fabril tratou de reaccionar cos cambios pero apenas inquietou no segundo tramo de partido e só un par de chegadas por banda de Mella lograron meter balóns con certo perigo á área mentres que o Ourense tirou de experiencia e de vantaxe para asinar o seu pase á final da próxima fin de semana.

Ourense CF: Marqueta, Isra Pérez, Hugo Sanz, Toño Vázquez, Tiago, Amin (Iker Furtado, min. 90), Jerín (Willian, min. 80), Rubén (Nacho Fariña, min. 46), Yosu, Gabri Palmás (Xián, min. 78) e Manu Rodríguez.

Fabril: Alberto, Iván Guerrero, David Suárez, Dani Barcia, Iano, Brais Val (Nájera, min.74), Mario (Sanmartín, min. 80), Jairo (Barba, min. 87), Yeremay (Runy, min. 74), Mella e Davo.

Goles: 1-0 Amin (min. 60).

Árbitro: Espasandín Cores (c. galego). Amoestou a Yosu (min. 42) e Isra Pérez (min. 90+3).

Incidencias: primeira semifinal do playoff de ascenso do grupo galego a Segunda RFEF disputado no Estadio Vero Boquete de San Lázaro en Santiago de Compostela.